O BNG demanda no Parlamento protección para a Torre de Teodomiro
Mercedes Queixas demanda á Xunta que concrete prazos e medidas concretas para a conservación e posta en valor desde vestixio único do período suevo.
“Actualmente están en tramitación 6 proxectos de parques eólicos que poderían afectar a esta torre, catalogada como BIC, como se fixo constar nas alegacións que como BNG presentamos ao proxecto do parque eólico Gato, que tería unha afectación directa sobre esta Torre”
Betanzos, 6 de maio de 2021. O BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para demandar da Xunta a protección da Torre de Teodomiro, un Ben de Interese Cultural que acaba de ser xeolocalizado polo arqueólogo Antón Malde e que xa estaba catalogado polo seu valor histórico.
Segundo explica a deputada nacionalista Mercedes Queixas, trátase dunha “ fortificación típica da Alta Idade media, nas abas do Monte do Gato, no lugar de Castelo de Arriba, que consta dunha muralla elipsoidal e probabelmente un corpo central” que gardaba o camiño entre a cidade de Betanzos e Sobrado dos Monxes.
A fortaleza, mandada construír en torno ao 550 polo rei suevo Teodomiro do que toma nome, é dos poucos vestixios arqueolóxicos do Reino Suevo de Galiza e supón “un monumento salientábel dentro da comarca, tendo en conta a escaseza deste tipo de fortificacións e a súa posición estratéxica, nun entorno ben conservado e significativo”.
“Actualmente están en tramitación 6 proxectos de parques eólicos -PE Felga, PE Feás, PE Seselle, PE Fontella, PE Gato e PE Penas Boas- na zona do Monte doGato que poderían afectar a esta torre, catalogada como BIC, como se fixo constar nas alegacións que como BNG presentamos ao proxecto do parque eólico Gato, que tería unha afectación directa sobre esta Torre” explica a parlamentar nacionalista.
“Hai que posicionarse e defender os intereses da veciñanza”
A deputada nacionalista demanda á Xunta que concrete prazos e medidas concretas para a conservación e posta en valor desde vestixio único do período suevo. Alerta que unha das empresas promotoras dos parques eólicos do Monte do Gato mesmo tería pedido a descatalogación da Torre de Teodomiro, pretextando a súa falta de xeolocalización, para arrasar as ruínas.