O BNG ve utópica a proposta de PXOM de Oza-Cesuras

Estefanía Busto (1)
Estefanía Busto (1)

Estefanía Busto: “Este PXOM constata que o goberno do PP vive nunha realidade paralela e tira por terra o discurso dos populares sobre os beneficios da fusión dos concellos”

O BNG ve utópica a proposta de PXOM de Oza-Cesuras

Oza-Cesuras, 10 de marzo de 2025. O BNG afirmou que o PXOM que o goberno municipal de Oza-Cesuras levará este mércores a súa aprobación inicial está fóra da realidade e non se adapta a evolución das últimas décadas do concello. Para a voceira nacionalista, Estefanía Busto, este PXOM constata que o goberno do PP “vive nunha realidade paralela” e “tira por terra” o discurso dos populares sobre os beneficios da fusión dos concellos.

As nacionalistas sinalan que o propio proxecto non fai unha proxección de poboación durante os 20 anos de vixencia do PXOM, limitándose a sinalar que a dotación de vivendas non supón un problema, debido a escasa presión demográfica e o tipo de poboamento existente. “Esta afirmación contradí a previsión de vivenda nova, que suporía un aumento do 70% respecto a actual”, sinala Busto. “A vivenda nova proxectada podería dar cabida a máis de 4.700 veciñas ou, dito doutra maneira, ao 95% da poboación actual de Oza-Cesuras”. Neste senso, indicou que resulta “utópico” propoñer un número tan elevado de novas vivendas, sobre todo tendo en conta a cantidade de vivenda baleira ou adicada a segunda residencia.

A bolsa de solo que o goberno municipal propón no núcleo urbano de Oza é “desproporcionada” para a dinámica de poboación actual e quedaría acotada para desarrollos urbanísticos de calado, moi lonxe da autopromoción de vivenda, o que fairía “revivir vellas pantasmas da especulación urbanística”. “O BNG non apoiará un PXOM que non atende a realidade do concello nin as súas necesidades reais”, adiantou a portavoz municipal, Estefanía Busto.

Para as nacionalistas, a fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras non trouxo nin un aumento de poboación nin de servizos. E agora, coa pretensión de potenciar o núcleo urbano de Oza e a zona norte do Concello, a veciñanza de Cesuras vai ter que desprazarse a Oza para ter acceso aos servizos nun concello que carece de transporte público que facilite a mobilidade da veciñanza.

“No PXOM non se reserva apenas solo para novos equipamentos, a pesar de que o noso concello non presta servizos obrigatorios para os concellos de máis de 5000 habitantes como é o caso da biblioteca pública ou o mercado municipal. Na realidade séguense emprestando os mesmos servizos que antes tiñan os concellos de Oza e Cesuras por separado, obrigando ademais á veciñanza a maiores desprazamentos sen un transporte que articule estes movementos da poboación”, criticou a portavoz nacionalista. “Tamén se recolle unha ampliación da rede de abastecemento de auga e de saneamento, mais moitos núcleos de poboación quedarían fóra desta ampliación duns servizos básicos”, afirmou Busto.

Algo que non parece mudar é a reserva de solo industrial, mantendo a mesma superficie que se reservou na fusión dos concellos e que despois de máis dunha década non se chegou a executar. “O goberno municipal aférrase ao solo industrial con tal de non admitir que todas as promesas previas a fusión foron unha gran mentira a toda a veciñanza”, sinalou Busto. “Habería que preguntarlle ao alcalde se, no caso de que saia adiante o PXOM, brindará tamén con Coca-Cola”.

O BNG ve utópica a proposta de PXOM de Oza-Cesuras