Nova ofensiva do BNG pola mellora da N-VI en Guísamo

David Carro: “As obras crearon carrís de servizo que, na práctica, son de adiantamento; os vehículos non respectan a velocidade nin a sinalización”

Nova ofensiva do BNG pola mellora da N-VI en Guísamo

Bergondo, 9 de xullo de 2026. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, ven de presentar unha nova iniciativa reclamando melloras na estrada N-VI ao seu paso por Guísamo.

As últimas obras que executou o Ministerio causaron estragos nas vivendas próximas a estrada sen que lles deran resposta, nin a adxudicataria dos traballos nin o Estado como responsable a pesar de poñelo en coñecemento en varias ocasións, na execución e posteriormente, e cando xa hai un ano que remataron.

“As obras son necesarias pero non poden causar problemas nas propiedades da veciñanza, o Estado debe asumir os estragos derivados desta, non dar a calada por resposta. Un ano despois é máis que suficiente para telo resolto” expuxo Rego.

“Ademais, as obras crearon carrís de servizo que, na práctica, son de adiantamento; os vehículos non respectan a velocidade nin a sinalización, a veciñanza xogase a vida para saír da casa, e na escola infantil da zona xa se deron incidencias, polo que deben tomarse medidas urxentemente ante esta situación que se alonga no tempo” indicou o portavoz municipal David Carro.

A iniciativa tamén incide na necesidade de aparcamento en sentido Betanzos-A Coruña. As obras eliminaron moitas prazas, nunha zona con negocios e vivendas con pouco espazo, tendo sitio para crealas ao lado da escola infantil, redundando así na mellora da seguranza, sobre todo a horas punta de entrada e saída do alumnado. No outro sentido si hai prazas suficientes, pero non dan servizo a este xa que para cruzar hai que dar moito rodeo, salvo que habiliten un paso peonil entre rotondas.

“As obras deixaron un gran impacto visual e urbanístico coa mediana de formigón, que divide un importante núcleo como Guísamo en dous, obrigando aos peóns a percorrer longas distancias para cruzar. Tendo en conta que a N-VI atravesa todo o núcleo urbano da localidade, un dos principias do concello, debería ser humanizado e posto en valor, facer a zona “amábel” as persoas, no sentido da nova concepción do urbanismo actual”, sinalou Carro.

Desde o BNG tamén reclaman a mellora da zona da N-VI sobre a AP9, ponte que partiu o núcleo, cun amplo tránsito de vehículos e peonil, e que incumpre a norma de accesibilidade xa que, non pode circular nin un carro, nin moito menos unha cadeira de rodas ou alguén con muletas. A súa conservación é deficiente e os peóns quéixanse da sensación que da como se fose caer polo movemento das lousas; moitas optan por circular pola vía co perigo que supón.

Nova ofensiva do BNG pola mellora da N-VI en Guísamo