O BNG reclama medidas para reducir o ruído da AP-9 que sofre a veciñanza de Costa Miño

Alberte G. Nicolás: “A veciñanza de Costa Miño ten dereito a poder descansar sen soportar constantemente o ruído dunha das infraestruturas con maior intensidade de tráfico do país”

O BNG reclama medidas para reducir o ruído da AP-9 que sofre a veciñanza de Costa Miño

Miño, 16 de xuño de 2026. O BNG de Miño defenderá no pleno municipal deste xoves unha moción para reclamar actuacións que permitan reducir a contaminación acústica provocada pola AP-9 ao seu paso pola contorna da urbanización Costa Miño. A iniciativa solicita ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel o impulso de medidas correctoras que minimicen o impacto do tráfico sobre a veciñanza.

O portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás, lembrou que “a contaminación acústica non é unha simple molestia, senón un problema de saúde que pode afectar directamente á calidade de vida das persoas”. Segundo explicou, os bloques de vivendas situados máis próximos á autoestrada, no límite co concello de Pontedeume, soportan niveis de ruído especialmente elevados, unha situación especialmente palpábel durante a noite.

As nacionalistas lembran que o propio Ministerio de Transportes recolleu no seu último Mapa Estratéxico de Ruído, publicado en setembro de 2024, que este tramo da AP-9 non cumpre cos obxectivos de calidade acústica estabelecidos pola normativa vixente. “Se a administración xa recoñeceu oficialmente que existe un problema, agora toca pasar das palabras aos feitos e aportar solucións para protexer ás persoas afectadas”, sinalou o portavoz nacionalista. “A veciñanza de Costa Miño ten dereito a poder descansar sen soportar constantemente o ruído dunha das infraestruturas con maior intensidade de tráfico do país”, concluíu.

As nacionalistas tamén se interesan por cuestións como a escola infantil A Ceboliña, a mobilidade no verán e o aumento de colonias felinas

As nacionalistas preguntarán ao goberno municipal se ten previsto actuar para resolver os problemas de temperatura detectados na escola infantil A Ceboliña, especialmente na aula de 0 a 1 anos, onde as temperaturas achéganse aos 30º nos días máis calurosos. Tamén solicitarán medidas a adoptar ante o peche da estrada DP-4803 cara Perbes e a perda de prazas de aparcamento na Praia Grande, circunstancias que poden agravar os problemas de tráfico e estacionamento durante os meses de maior afluencia turística.

Por último, o BNG amosou a súa preocupación polo incremento das colonias felinas en diferentes puntos do concello, como Miño e Bañobre, preguntando polas actuacións que está a desenvolver ou prevé desenvolver o Concello para garantir unha xestión axeitada desta situación.

O BNG reclama medidas para reducir o ruído da AP-9 que sofre a veciñanza de Costa Miño