O BNG de Irixoa reclama manter durante o verán o servizo de autobús gratuíto a Betanzos

Sergio Boado: “A suspensión do servizo de autobús durante os meses estivais deixa sen alternativa de transporte a unha parte da veciñanza que precisa desprazarse a Betanzos”

O BNG de Irixoa reclama manter durante o verán o servizo de autobús gratuíto a Betanzos

Irixoa, 18 de xuño de 2026. O BNG de Irixoa vén de reclamar ao goberno municipal que manteña durante os meses de verán o servizo de autobús gratuíto entre Irixoa e Betanzos, unha vez pausado o servizo esta semana.

As nacionalistas consideran que a veciñanza continúa precisando desprazarse regularmente á cabeceira da comarca para realizar trámites administrativos, xestións bancarias, facer compras ou acceder a servizos que non existen no municipio.

O portavoz municipal do BNG, Sergio Boado, sinalou que “a suspensión do servizo de autobús durante os meses estivais deixa sen alternativa de transporte a unha parte da veciñanza que precisa desprazarse a Betanzos”. Neste sentido, considera que “a solución pasa por garantir un servizo que permita ás persoas que non dispoñen de vehículo privado seguir tendo unha conexión razoábel con Betanzos, especialmente ás persoas maiores e a quen ten máis dificultades para desprazarse”.

Desde o BNG lembran que a mobilidade é un dos grandes desafíos que afronta o rural galego e que a falta de alternativas de transporte contribúe ao illamento de parte da poboación e dificulta o acceso a servizos básicos.

Por todo isto, o BNG de Irixoa solicita ao goberno municipal que reconsidere a suspensión do servizo durante o verán e manteña, cando menos, as mesmas conexións periódicas que había até o momento con Betanzos.

Ademais, as nacionalistas propoñen ampliar as frecuencias nos días de feira e mercado en Betanzos, unha medida que facilitaría os desprazamentos da veciñanza e contribuiría tamén ao apoio do comercio de proximidade e ao consumo de produtos locais e de tempada.

O BNG de Irixoa reclama manter durante o verán o servizo de autobús gratuíto a Betanzos