O BNG de Miño alerta dos problemas de mobilidade que pode provocar este verán o corte da estrada de Perbes e a eliminación de prazas de aparcamento na praia Grande

Para o BNG, combinación do corte da estrada de Perbes coa redución das prazas de aparcamento pode converterse nun problema importante de mobilidade se non se toman medidas preventivas

O BNG de Miño alerta dos problemas de mobilidade que pode provocar este verán o corte da estrada de Perbes e a eliminación de prazas de aparcamento na praia Grande

Miño, 12 de xuño de 2026. O BNG de Miño amosou a súa preocupación ante os problemas de mobilidade que se poden producir durante os meses de verán como consecuencia da eliminación de prazas de aparcamento na praia Grande e do corte da estrada provincial DP-4803, principal vía de acceso desde Miño e desde a saída da AP-9 cara ás praias de Andaío e Marín, en Perbes. A estrada permanece pechada debido ao escorregamento do terreo sobre o que asenta e, segundo as previsións coñecidas, non volverá abrirse ao tráfico até polo menos o mes de setembro.

O portavoz nacionalista, Alberte G. Nicolás, advertiu que a recente renovación do firme na mesma estrada DP-4803 “trouxo consigo a eliminación dunha parte das prazas de estacionamento existentes na recta da praia Grande, ao substituírse o aparcamento en batería por aparcamento en liña”. Segundo explica, esta decisión reducirá a capacidade de estacionamento nun dos puntos con maior demanda do municipio durante o verán e pode provocar un incremento do tráfico nos núcleos de Miño e Bañobre na procura dun lugar onde estacionar, coas molestias que iso implica.

As nacionalistas consideran ademais que o peche da estrada cara a Perbes pode levar a que visitantes que tradicionalmente se desprazaban ás praias de Andaío e Marín opten por permanecer na praia Grande, incrementando aínda máis a presión sobre unha zona que xa presenta problemas de saturación durante os meses estivais.

"O Concello é coñecedor desta situación e non consta que se teña estudado ningunha alternativa para minimizar o impacto", criticou Alberte G. Nicolás. O BNG considera que o goberno local debería valorar medidas como a habilitación temporal de aparcadoiros en parcelas sen uso próximas á praia Grande, mediante acordos coas propietarias, ou a posta en marcha dun servizo de bus lanzadeira que conecte as zonas de estacionamento máis afastadas coas praias do municipio.

"Un sistema de transporte deste tipo non só beneficiaría ás persoas visitantes, senón tamén á propia veciñanza de Miño, reducindo o tráfico e facilitando os desprazamentos durante os meses de maior actividade", explicou o portavoz nacionalista.

Para o BNG, a combinación do corte da estrada de Perbes coa redución das prazas de aparcamento pode converterse nun problema importante de mobilidade se non se toman medidas preventivas. "O goberno municipal aínda está a tempo de actuar, sobre todo se temos en conta que os meses con maior demanda son os de xullo e agosto", concluíu Alberte G. Nicolás.

O BNG de Miño alerta dos problemas de mobilidade que pode provocar este verán o corte da estrada de Perbes e a eliminación de prazas de aparcamento na praia Grande