O BNG de Miño esixe ao goberno municipal que rectifique e deixe de responsabilizar ás traballadoras do SAF da situación do servizo

“É inaceptábel que se pretenda trasladar á opinión pública que o problema do SAF son as súas profesionais, cando levan meses sostendo o servizo en condicións moi difíciles”

O BNG de Miño esixe ao goberno local que rectifique publicamente, abandone calquera intento de responsabilizar ás traballadoras e se implique activamente na mellora das súas condicións laborais

O BNG de Miño esixe ao goberno municipal que rectifique e deixe de responsabilizar ás traballadoras do SAF da situación do servizo

Miño, 28 de marzo de 2026. O BNG de Miño vén de valorar a recente adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa FEPAS como unha oportunidade para deixar atrás a etapa anterior marcada polos problemas coa concesionaria Os Ventos, mais advirte de que esta decisión non pode servir para ocultar responsabilidades nin para sinalar inxustamente ás traballadoras.

A formación nacionalista considera especialmente grave o contido da carta remitida polo goberno municipal aos domicilios e asinada pola concelleira de Servizos Sociais, Yolanda Bello, na que se insinúa que a situación de “inestabilidade absoluta” do servizo estaría relacionada co elevado número de baixas entre as traballadoras. “É inaceptábel que se pretenda trasladar á opinión pública que o problema do SAF son as súas profesionais, cando levan meses sostendo o servizo en condicións moi difíciles”, sinalan.

Neste sentido, o portavoz municipal do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás, foi contundente: “O que non pode facer o goberno é botar balóns fóra e sinalar ás traballadoras. Se hai baixas, haberá que preguntarse por que se producen, en que condicións están traballando e que responsabilidade ten tanto a empresa adxudicataria como a administración nesta situación”.

Fragmento da carta enviada polo Concello de Miño ás usuarias do SAF
Fragmento da carta enviada polo Concello de Miño ás usuarias do SAF

Desde o BNG lembran que a realidade actual do SAF en Miño pasa por unha situación laboral complexa, con atrasos no pago de nóminas, incerteza, sobrecarga de traballo e un evidente deterioro do ambiente laboral. “Falar de baixas sen falar das condicións que as provocan é unha forma de culpabilizar ás traballadoras e ocultar o verdadeiro problema”, engaden.

A organización nacionalista tamén critica a falta de coherencia do goberno municipal, que malia realizar declaracións de apoio ás traballadoras no pleno tras a interpelación do BNG, non trasladou ese respaldo aos feitos nin á súa comunicación oficial. “Non abonda con palabras puntuais; é necesario un posicionamento claro e sostido no tempo do lado das profesionais e das persoas usuarias”, afirmou o portavoz nacionalista.

Por todo isto, o BNG de Miño esixe ao goberno local que rectifique publicamente, abandone calquera intento de responsabilizar ás traballadoras e se implique activamente na mellora das súas condicións laborais como única vía para garantir a estabilidade do servizo. “Ou se está coas traballadoras e coas persoas usuarias, ou se está buscando escusas para non asumir que a culpa é da empresa Os Ventos”, concluíu Alberte G. Nicolás.

As nacionalistas reiteran unha vez máis o seu apoio ás traballadoras e persoas usuarias e a busca da mellor saída a esta situación, “que indudabelmente pasa por pedir responsabilidades a Os Ventos antes de que deixe de prestar o servizo”, concluía o portavoz nacionalista.

O BNG de Miño esixe ao goberno municipal que rectifique e deixe de responsabilizar ás traballadoras do SAF da situación do servizo