O BNG de Miño reclama garantías para asegurar a continuidade e calidade do SAF en Miño e evitar novas demoras na tramitación

As nacionalistas reclaman unha vez máis ao goberno local información sobre a tardanza no inicio do proceso e, ademais, que estabeleza canles de comunicación claras e periódicas coas persoas dependentes e o seu entorno

O BNG de Miño reclama garantías para asegurar a continuidade e calidade do SAF en Miño e evitar novas demoras na tramitación

Miño, 17 de febreiro de 2026. O BNG de Miño vén de reclamar unha vez máis ao Concello de Miño a máxima axilidade e transparencia no proceso de nova contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), despois de que o pasado 5 de febreiro se resolvera definitivamente o contrato coa empresa prestadora, Os Ventos, e se aprobase un novo prego mediante tramitación urxente para recuperar a normalidade do servizo.

A formación nacionalista sinala que, malia tratarse dun procedemento declarado urxente, o anuncio de licitación non foi remitido á plataforma europea até o 10 de febreiro ás 10:30 horas, o que supón unha primeira demora no inicio do proceso de adxudicación.

Desde o BNG advirten de que esta situación repercute directamente nas persoas usuarias e nas súas familias, que son as principais prexudicadas pola inestabilidade do servizo. Por iso, reclaman unha vez máis ao goberno local información sobre a tardanza no inicio do proceso e, ademais, que estabeleza canles de comunicación claras e periódicas coas persoas dependentes e o seu entorno.

Segundo declarou o portavoz municipal do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás, “estamos a falar dun servizo esencial para persoas vulnerábeis, polo que non é aceptábel ningunha demora innecesaria nin falta de información. O goberno municipal debe actuar coa máxima dilixencia para devolver a estabilidade ao SAF e explicar por que demoraron varios días o inicio formal do proceso”.

A organización nacionalista tamén pon o foco na situación das traballadoras do servizo, subliñando a necesidade de garantir o respecto estrito das súas condicións laborais e instando ao executivo municipal a exercer unha función activa de seguimento e mediación de ser preciso. “Non se pode esixir profesionalidade e calidade na atención se non se garanten unhas condicións laborais dignas. Estamos a falar de presións por parte da empresa, atrasos no pagamento das nóminas ou mesmo abonos incompletos, unha situación absolutamente inadmisíbel nun servizo esencial”, engadiu o portavoz.

Así mesmo, lembran que o propio goberno municipal recoñeceu un empeoramento da calidade do servizo desde a comunicación da resolución do contrato á empresa concesionaria o pasado 20 de xaneiro, polo que consideran imprescindíbel adoptar medidas transitorias que aseguren unha prestación axeitada mentres non se resolve a nova adxudicación, incluíndo fórmulas como unha contratación complementaria dunha segunda empresa.

“O importante agora é garantir que as persoas usuarias non paguen as consecuencias da neglixencia da empresa. O servizo debe prestarse con normalidade e calidade todos os días, sen importar cuestións económicas ou dificultades técnicas”, concluíu Alberte G. Nicolás.

O BNG de Miño reclama garantías para asegurar a continuidade e calidade do SAF en Miño e evitar novas demoras na tramitación