O BNG de Miño insta ao Concello a axilizar a recuperación da normalidade no SAF tras a rescisión do contrato con Os Ventos

As nacionalistas consideran que a rescisión era a única saída posíbel ante os continuos incumprimentos e as reiteradas denuncias de traballadoras e persoas usuarias desde o inicio do servizo

O BNG de Miño insta ao Concello a axilizar a recuperación da normalidade no SAF tras a rescisión do contrato con Os Ventos

Miño, 20 de xaneiro de 2026. Tras máis dun mes e medio de reiterados incumprimentos das condicións dos pregos e da normativa laboral por parte da empresa concesionaria do Servizo de Atención no Fogar (SAF), Os Ventos, e logo de que o Concello de Miño rescindise hoxe a súa vinculación contractual coa mesma, o BNG de Miño reclama a máxima celeridade e transparencia para recuperar a normalidade nun servizo esencial e especialmente sensíbel.

Desde o BNG consideran que a rescisión do contrato era a única saída posíbel, xa que desde o primeiro día no que Os Ventos comezou a prestar o servizo se sucederon as denuncias e queixas, tanto por parte das traballadoras como das persoas usuarias.

“Desde o BNG de Miño sempre esiximos axilidade na resolución deste conflito, así como maior transparencia e acompañamento por parte do Concello ás usuarias e ás traballadoras”, lembra o portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás. Nese sentido, subliña que, “unha vez rescindido o contrato”, o Concello debe actuar “canto antes” para garantir a continuidade e calidade do servizo e, na medida do posíbel, “evitar que Os Ventos continúe prestando o SAF máis alá do tempo estritamente necesario”.

Para iso, as nacionalistas propoñen que o Concello de Miño valore a posibilidade dun contrato ponte con outra empresa mentres non se licite un novo contrato, facendo uso das ferramentas previstas na Lei de Contratos do Sector Público, incluída a contratación de emerxencia.

Así mesmo, o BNG insiste na necesidade de reforzar a transparencia e o acompañamento ás persoas afectadas, solicitando ao goberno municipal que convoque de maneira urxente unha reunión coas persoas usuarias e cos seus familiares, co obxectivo de explicar a nova situación, como vai afectar á prestación do servizo e cales serán os prazos estimados para recuperar a normalidade.

“Falamos dun servizo moi sensíbel, que atende a persoas en situacións persoais e de saúde delicadas, polo que toda a información e apoio por parte do Concello é fundamental, desde facilitar modelos de reclamación até achegar a mínima información necesaria”, engade Alberte G. Nicolás. “E sen esquecer o amparo a nivel laboral das traballadoras, que son tamén unhas das grandes prexudicadas por esta situación”, conclúe.

O BNG de Miño insta ao Concello a axilizar a recuperación da normalidade no SAF tras a rescisión do contrato con Os Ventos