O BNG de Miño denuncia fallas graves no SAF e esixe actuacións inmediatas do Concello

Alberte G. Nicolás, portavoz municipal do BNG de Miño: “Non abonda con contratar o servizo e mirar para outro lado. O Concello ten a obriga de supervisar, controlar e garantir que o contrato se cumpre e que a atención ás persoas usuarias é a axeitada”

O BNG de Miño denuncia fallas graves no SAF e esixe actuacións inmediatas do Concello

Miño, 17 de decembro de 2025. O BNG de Miño denunciou a grave situación que se está a producir no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) desde a entrada en funcionamento da nova empresa concesionaria, Os Ventos, o pasado 1 de decembro. Desde hai máis de quince días veñen acumulándose queixas por parte de usuarias, traballadoras e CIG; alertando dun empeoramento considerábel da calidade do servizo e mesmo da posibilidade de que se estea a incumprir o contrato recentemente asinado .

Entre as incidencias denunciadas atópanse a falta de material e de uniformes para as traballadoras, a ausencia parcial ou total de coordinadoras, a inexistencia dun local da empresa no propio concello, problemas na subrogación do persoal e asunción do servizo, con situacións especialmente graves nas que persoas grandes dependentes non estarían a recibir a atención necesaria nos seus domicilios.

Para o portavoz municipal do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás, trátase dunha situación “grave e absolutamente anómala nun servizo esencial para moitas persoas e familias do noso concello”. O edil nacionalista subliña que “o SAF non é un servizo calquera: falamos da atención directa a persoas maiores e dependentes, polo que calquera falla ten consecuencias moi serias no seu benestar e na súa dignidade”.

Desde o BNG lembran que o Concello de Miño é a administración responsábel da prestación deste servizo e mantén un vínculo contractual directo coa empresa concesionaria, polo que non pode permanecer alleo ao que está a acontecer. “Non abonda con contratar o servizo e mirar para outro lado. O Concello ten a obriga de supervisar, controlar e garantir que o contrato se cumpre e que a atención ás persoas usuarias é a axeitada”, afirma o portavoz nacionalista.

O BNG pedirá explicacións ao goberno local sobre as actuacións realizadas desde que comezaron a recibirse as queixas e que medidas pensa adoptar para corrixir a situación.

“O que non podemos permitir é que, por unha mala xestión ou unha falta de control, se degrade un servizo público básico e se deixe desprotexidas ás persoas máis vulnerábeis”, engade Alberte G. Nicolás, quen reclama “actuacións inmediatas, transparencia e garantías de que o SAF en Miño funcione con normalidade e coa calidade que merece a veciñanza”.

O BNG de Miño denuncia fallas graves no SAF e esixe actuacións inmediatas do Concello