O BNG de Miño denuncia a falta de mantemento das infraestruturas municipais e reclama recursos estábeis para actuacións básicas

Alberte G. Nicolás, portavoz municipal do BNG de Miño: “Non hai escusa para abandonar o mantemento básico do concello, porque esa desatención acaba xerando molestias ao conxunto da veciñanza e unha imaxe de abandono que Miño non merece”

O BNG de Miño denuncia a falta de mantemento das infraestruturas municipais e reclama recursos estábeis para actuacións básicas

Miño, 16 de decembro de 2025. O BNG de Miño reclamará no pleno ordinario deste xoves, día 18 de decembro, unha dotación orzamentaria específica e suficiente destinada ao mantemento ordinario das rúas, camiños, estradas municipais e da rede de saneamento e drenaxe. Unhas actuacións que, segundo denuncian as nacionalistas, levan anos sen executarse de maneira axeitada malia seren obxecto constante de queixas por parte da veciñanza.

Desde o BNG advirten de que o mal estado de beirarrúas, os firmes deteriorados, a presenza de baches e afundimentos puntuais, gabias sen limpar ou sumidoiros obstruídos forman parte do día a día en distintos puntos do concello. Trátase de problemas que, sen seren grandes obras, teñen un impacto directo na seguridade viaria, na accesibilidade e na calidade de vida da cidadanía.

“O mantemento ordinario non pode seguir sendo a gran esquecida da acción de goberno en Miño. Son pequenas actuacións, mais imprescindíbeis, que levan reclamando durante moito tempo e que seguen sen resposta”, sinala Alberte G. Nicolás, portavoz municipal do BNG. O edil nacionalista lembra que “a falta de prevención acaba xerando problemas moito máis graves e custosos, tanto a nivel económico como para a seguridade e benestar das persoas”.

O BNG fai especial fincapé na necesidade de realizar unha limpeza de gabias, cunetas e sumidoiros, unha tarefa básica para evitar inundacións e asolagamentos, especialmente nos meses de outono e inverno, cando as choivas son máis intensas. “Non é razoábel que cada ano se repitan os mesmos problemas porque non se fai un mantemento mínimo e continuado”, sinala o edil nacionalista. “Sobre todo cando o goberno municipal admite que a empresa subministradora non ten a obriga de facelo por contrato, o cal leva tempo caducado, e o propio goberno xa se ten negado a asumir directamente esta intervención”, engadiu.

Desde a formación nacionalista advirten de que “un goberno serio non pode permitir desatender as cuestións do día a día”. “Non hai escusa para abandonar o mantemento básico do concello, porque esa desatención acaba xerando molestias ao conxunto da veciñanza e unha imaxe de abandono que Miño non merece”, subliña o portavoz do BNG.

A proposta do BNG consiste en reservar nos Orzamentos Municipais de 2026 unha partida específica para o mantemento ordinario das infraestruturas, destinada a reparacións puntuais, parcheado de beirarrúas e firmes, limpeza de gabias e cunetas e mantemento de sumidoiros. Ademais, reclámase unha planificación anual destas actuacións, con criterios claros de prioridade baseados na seguridade, a accesibilidade e a prevención de riscos, así como unha interlocución constante coa veciñanza.

“Falamos de coidar o que xa temos, de actuar a tempo e de escoitar á xente. Iso tamén é servizo á veciñanza”, conclúe Alberte G. Nicolás.

O BNG de Miño denuncia a falta de mantemento das infraestruturas municipais e reclama recursos estábeis para actuacións básicas