O BNG esixe melloras no funcionamento da liña de bus que une Miño cos principais núcleos da contorna

Mercedes Queixas: “A Xunta debe atender estas necesidades da poboación e non só os intereses das grandes concesionarias, cuns servizos inzados de incumprimentos”

O BNG esixe melloras no funcionamento da liña de bus que une Miño cos principais núcleos da contorna

Miño, 10 de outubro de 2025. O BNG esixe á Xunta melloras no funcionamento da liña de bus que une Miño coa Coruña e Ferrol e con outras vilas onde a veciñanza se despraza frecuentemente para acudir aos institutos ou servizos de todo tipo como Betanzos ou Pontedeume. “A Xunta debe atender estas necesidades da poboación e non só os intereses das grandes concesionarias, cuns servizos inzados de incumprimentos  como a falta de puntualidade, a eliminación de servizos, o cambio inxustificado de itinerarios ou, nalgúns casos, o mal estado dos vehículos”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.

“A día de hoxe, e a pesar da modificación feita no ano 2022, as liñas de autobús que. comunican Miño cos principais núcleos da contorna –nomeadamente Betanzos, A Coruña, Ferrol e Pontedeume– continúan a acumular queixas”, engadiu a deputada nacionalista. “As usuarias e usuarios. sinalan que o servizo ten eivas tanto nas frecuencias como nos horarios. É habitual ver que, ante a ausencia de servizos en diferentes franxas horarias, moitas persoas vense obrigadas a recorrer ao vehículo privado ou a depender doutras persoas para desprazarse”, indicou.

“Neste contexto, cómpre que a Xunta de Galiza reaxa e acometa unha mellora integral do servizo de transporte por estrada en Miño, ampliando frecuencias, mellorando horarios e garantindo conexións eficientes cos centros de estudo, traballo e servizos da contorna. Do contrario non estará a cumprir cos principios fundamentais de igualdade e equidade nun servizo de mobilidade colectiva imprecindíbel para a comunicación de Miño coa comarca e coas áreas urbanas de referencia”, concluíu Queixas.

Campaña social e institucional

O BNG de Miño mantivo unha reunión coa deputada Mercedes Queixas e co tamén deputado e responsábel de mobilidade do BNG no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos, para avaliar a situación do transporte por estrada e a busca de solucións.

As nacionalistas anunciaron unha campaña tanto social como institucional para presionar á Xunta de Galiza, que é administración competente no transporte público, a levar a cabo as melloras necesarias para garantir un funcionamento adecuado deste servizo. “Reunirémonos coa veciñanza para informar sobre o traballo que estamos levando a cabo con respecto a este tema e para recoller as súas achegas e demandas. Ademais xa temos rexistradas iniciativas no Parlamento de Galiza reclamando que actúe diante desta situación”, explicou o voceiro do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás. 

O BNG esixe melloras no funcionamento da liña de bus que une Miño cos principais núcleos da contorna