O BNG de Miño esixe solucións urxentes ante o mal estado das beirarrúas e a falta de mantemento nos camiños das parroquias

No casco urbano, son cada vez máis frecuentes as queixas pola deterioración das beirarrúas, onde abundan as plaquetas soltas, afundidas ou levantadas, provocando tropezóns e caídas

Alberte G. Nicolás: “Non hai un mínimo mantemento no conxunto das parroquias. Os camiños están cubertos de maleza e nalgúns casos mesmo son intransitábeis para peóns, algo especialmente grave en núcleos rurais onde a alternativa é compartir espazo co tráfico rodado en vías onde a maleza estreita”

O BNG de Miño esixe solucións urxentes ante o mal estado das beirarrúas e a falta de mantemento nos camiños das parroquias

Miño, 31 de xullo de 2025 – O Bloque Nacionalista Galego de Miño vén de denunciar o preocupante estado de abandono das beirarrúas do centro urbano e a inexistencia de mantemento nas parroquias, unha situación que pon en risco a seguridade das persoas e evidencia a falta de atención do goberno municipal ás necesidades máis básicas da veciñanza.

No casco urbano, son cada vez máis frecuentes as queixas pola deterioración das beirarrúas, onde abundan as plaquetas soltas ou levantadas e o firme afundido, provocando tropezóns e caídas. Desde o BNG lembran que esta situación non é nova, senón que leva anos agravándose sen que se tomaran medidas efectivas e rápidas, ao que habería que sumar a falta de limpeza.

“Sabemos que o goberno municipal ten previsto renovar algunhas beirarrúas, pero mentres non cheguen esas obras, non se pode mirar para outro lado. Esiximos unha intervención inmediata, aínda que sexa provisional, para garantir a seguridade das persoas: hai que reparar ou retirar as plaquetas máis perigosas e cubrir os ocos con cemento ou outra solución temporal”, declarou Alberte G. Nicolás, portavoz municipal do BNG.

A formación nacionalista tamén puxo o foco na situación das parroquias, onde a falta de limpeza de camiños e o abandono das beirarrúas ou marxes transitábeis é absoluta. “Non hai un mínimo mantemento no conxunto das parroquias. Os camiños están cubertos de maleza e nalgúns casos mesmo son intransitábeis para peóns, algo especialmente grave en núcleos rurais onde a alternativa é compartir espazo co tráfico rodado en vías onde a maleza estreita”, denunciou o portavoz nacionalista.

O BNG lamenta que o goberno municipal, en lugar de actuar con axilidade e planificar un mantemento periódico, siga aplicando unha política de abandono, esquecendo que esta é unha problemática que afecta á veciñanza durante todo o ano.

“O goberno ten a obriga de garantir que as persoas poidan desprazarse con seguridade, tanto no centro coma nas parroquias. Os grandes investimentos deben quedar nun plano secundario mentres non se atenda ás cuestións do día a día”, concluíu o portavoz nacionalista.

O BNG de Miño insta ao goberno local a actuar con responsabilidade, planificando unha intervención urxente nas beirarrúas que presenten deficiencias e activando de inmediato unha campaña de mantemento e limpeza nos camiños das parroquias.

O BNG de Miño esixe solucións urxentes ante o mal estado das beirarrúas e a falta de mantemento nos camiños das parroquias