
Moverse non debería ser un problema. E, sen embargo, na comarca betanceira sabemos ben o que significa depender do coche para todo: para ir traballar, para estudar, para acudir ao centro de saúde ou simplemente para facer a compra ou desfrutar do tempo de ocio.
Esta realidade non é casualidade. É consecuencia de anos de falta de planificación e de desatención cara ao noso territorio, xa que na nosa comarca seguimos cun sistema de transporte -tanto o autobús como o ferrocarril- insuficiente, con poucos horarios, malas conexións e sen responder ás necesidades reais da veciñanza.
Desde o BNG das Mariñas cremos que isto pode e debe cambiar. Porque a mobilidade non é só unha cuestión de desprazamentos: é unha cuestión de igualdade, de oportunidades e de futuro. Sen unha mobilidade planificada e accesíbel para todas, non hai acceso real ao emprego, nin aos servizos públicos, nin á vida social. E iso afecta especialmente á xente moza, ás persoas maiores e a quen vive nas parroquias.
A nosa proposta parte dunha idea clara: as Mariñas teñen que funcionar como unha comarca conectada. Iso significa garantir que todas as persoas poidan moverse con normalidade, vivan onde vivan. Significa conectar as parroquias coas vilas, os concellos coa súa cabeceira comarcal —Betanzos— e a comarca coas cidades de referencia como A Coruña e Ferrol.
Pero tamén significa algo máis: apostar por un modelo máis xusto e sostíbel, que reduza a dependencia do coche, mellore a calidade de vida e contribúa a fixar poboación no territorio.
Isto non vai só de denunciar o que non funciona. Vai, sobre todo, de propoñer solucións. Porque estamos convencidas de que hai alternativa real e próxima: un transporte público útil, accesíbel e adaptado á realidade das persoas.
Unha mobilidade en rede para as Mariñas
Propoñemos un modelo de transporte público útil, coordinado e pensado para a vida diaria da veciñanza
1-. Mobilidade interna nos concellos
Que vivir nunha parroquia non supoña quedar illado
Moitas parroquias carecen de conexións útiles cos servizos básicos das cabeceiras municipais.
Propostas:
- Liñas de autobús entre parroquias e capital municipal
- Transporte a demanda nas zonas máis dispersas e menos poboadas
- Horarios adaptados a servizos, compras ou xestións
2-. Conexión comarcal
Facer de Betanzos unha cabeceira accesíbel para toda a comarca
Betanzos é a cabeceira comarcal e concentra servizos sanitarios, administrativos, deportivos, comerciais e de ocio... mais na actualidade existen poucas conexións útiles, con horarios pouco prácticos e falta de coordinación
Propostas:
- Conexións directas e frecuentes con Betanzos
- Mellora da intermodalidade entre bus e tren
- Planificación comarcal do transporte público
3-. Conexións externas
Conectar a comarca das Mariñas coas áreas urbanas sen perder cohesión territorial.
A comarca precisa mellores conexións coa Coruña e Ferrol, así como con Santiago e Lugo.
Propostas:
- Reforzo das conexións coa Coruña e Ferrol
- Mellora das liñas con Santiago e Lugo
- Aproveitar estas rutas para mellorar tamén a mobilidade interna da comarca en concellos como Miño ou Bergondo
4-. Mobilidade e emprego
Actualmente moitos polígonos e centros de traballo só son accesíbeis en coche, dificultando o acceso ao emprego.
Propostas:
- Liñas en horarios de entrada e saída laboral
- Conexións desde diferentes concellos
- Coordinación co tecido empresarial da comarca
Porque as Mariñas non poden seguir sendo unha comarca condenada á dependencia do coche e á falta de alternativas. Desde o BNG das Mariñas imos seguir defendendo unha mobilidade pública, accesíbel e vertebradora, porque falar de transporte é falar tamén de igualdade territorial, de cohesión social e de futuro para a nosa comarca. Queremos unha comarca conectada, viva, dinámica e con oportunidades para todas as persoas, vivan onde vivan.
E ti, móveste con nós polo transporte público?