O BNG presenta a Alberte G. Nicolás como candidato á alcaldía de Miño en 2027
O actual portavoz municipal encabezará a lista nacionalista, acompañado por Tania Casás e Jonás Vidal, apostando por consolidar un proxecto útil, próximo e centrado en mellorar o día a día da veciñanza
Miño, 13 de xullo de 2026. O BNG de Miño anunciou que o actual portavoz municipal, Alberte G. Nicolás, será o candidato da formación nacionalista ás eleccións municipais de 2027. A decisión vén acompañada da presentación dos primeiros postos da candidatura, que contará con Tania Casás no número 2 e Jonás Vidal no número 3, configurando un equipo co que o BNG quere asentar no municipio de Miño o modelo de goberno transformador que a formación nacionalista representa.
Alberte G. Nicolás sinala que afronta esta responsabilidade “con ilusión e con convicción nun proxecto que leva anos demostrando que se pode facer política útil, próxima e centrada en mellorar o día a día da veciñanza”. O xa candidato destaca o labor realizado polo BNG neste mandato, “no que non nos limitamos a sinalar problemas, senón que puxemos enriba da mesa alternativas concretas en ámbitos como os servizos sociais, a mobilidade, o urbanismo ou o mantemento das parroquias”.
Segundo explica, o obxectivo da candidatura é “dar un paso adiante e construír un Miño máis dinámico, máis participativo e máis coidado, aproveitando todo o potencial do concello e poñendo no centro as necesidades reais da xente”. Neste sentido, subliña que o BNG chega a esta nova etapa “coa experiencia acumulada dun traballo serio e constante, mais tamén coa enerxía necesaria para impulsar un cambio de rumbo no concello”.
O candidato nacionalista tamén puxo en valor o papel das persoas que o acompañan nos primeiros postos da candidatura, destacando que tanto Tania Casás como Jonás Vidal “representan unha combinación de compromiso, capacidade de traballo e proximidade; características fundamentais para dar resposta aos retos que ten Miño por diante”.
Alberte G. Nicolás conclúe afirmando que o BNG se presenta a estas eleccións “convencido de que Miño necesita un novo impulso e de que o noso proxecto é o que mellor pode dar resposta a esa demanda social”. “Temos ideas, temos equipo e temos a determinación de seguir traballando para mellorar a vida da veciñanza”, engade, sinalando que o obxectivo é “seguir sumando confianza para construír unha alternativa sólida e de futuro para o concello arredor dun BNG decisivo”.