O BNG denuncia que a Xunta “volve darlle as costas” ao CPI Castro Baxoi e adía até 2027 a substitución da cuberta

Mercedes Queixas: “Hai que lembrar que o propio goberno galego recoñeceu xa no ano 2023 os problemas de filtracións e o deterioro da cuberta, mais tres anos despois non só non se fixo nada, senón que agora pretenden seguir adiando unha solución urxente”

O BNG denuncia que a Xunta “volve darlle as costas” ao CPI Castro Baxoi e adía até 2027 a substitución da cuberta

Miño, 18 de maio de 2026. O BNG de Miño denuncia que a Xunta de Galiza “volve darlle as costas” á comunidade educativa do CPI Castro Baxoi e critica o “abandono continuado” do centro por parte do goberno galego, despois da comparecencia do Secretario Xeral Técnico da Consellaría de Educación no Parlamento de Galiza.

“As declaracións do representante da Xunta evidencian a falta de vontade política para atender unha situación que leva anos sendo denunciada pola dirección do centro, as familias e a comunidade educativa”, sinala Mercedes Queixas, deputada do BNG. “Hai que lembrar que o propio goberno galego recoñeceu xa no ano 2023 os problemas de filtracións e o deterioro da cuberta, mais tres anos despois non só non se fixo nada, senón que agora pretenden seguir adiando unha solución urxente”, afonda.

As nacionalistas consideran “especialmente grave” que o Secretario Xeral Técnico afirmase que o CPI Castro Baxoi é “un centro onde se vén actuando de maneira constante e planificada”, cando os seus propios datos demostran precisamente o contrario. Entre os anos 2015 e 2023, o investimento da Xunta no centro foi de apenas 180.000 euros, mentres que entre 2023 e 2026 só se executaron arredor de 27.000 euros destinados unicamente ao acondicionamento de aulas polo desdobre realizado no ano 2024.

“O PP desde o goberno di que a Xunta de Galiza aposta polo ensino público con feitos e non con titulares de prensa, mais os feitos son que levan anos deixando deteriorar un centro educativo público sen ofrecer solucións reais”, denuncia o portavoz municipal do BNG, Alberte G. Nicolás. O portavoz municipal critica tamén que a Xunta tente agora “vender promesas e titulares propagandísticos” a través dunha nota de prensa falando de actuacións por máis de 400.000 euros, “cando a realidade é que a comunidade educativa segue sen ter ningún calendario claro nin compromiso firme para resolver os graves problemas estruturais do centro”. O BNG lembra ademais que precisamente esta mesma fin de semana, Protección Civil de Miño tivo que acudir ás instalacións do CPI Castro Baxoi para balizar parte do recinto debido ao risco de desprendementos na fachada, “un feito que evidencia o estado de abandono das infraestruturas e desmonta a propaganda da Xunta”.

A formación nacionalista critica tamén que a única resposta ofrecida polo goberno galego sexa que a substitución da cuberta “posibelmente podería entrar no verán de 2027”, argumentando que no ano 2026 “hai outras prioridades”. Para o BNG, estas declaracións supoñen “unha falta absoluta de respecto cara á comunidade educativa de Miño”.

Neste sentido, o BNG pon en valor as declaracións da deputada nacionalista Mercedes Queixas, quen lembrou que “levan desde 2023 analizando os problemas de filtracións continuada, como así admitiron no Parlamento de Galiza ese mesmo xullo, e non fixeron nada”. Queixas denunciou tamén que “se comprometeron a substituír a cuberta do centro no verán de 2023 e agora din que hai que agardar un ou dous anos máis”, concluíndo que “non se pode estar gobernando no público contra o público”.

O BNG denuncia que a Xunta “volve darlle as costas” ao CPI Castro Baxoi e adía até 2027 a substitución da cuberta