O BNG esixe á Xunta de Galiza solucións urxentes para o CPI Castro Baxoi e denuncia o abandono do centro educativo

Mercedes Queixas: “A inacción da Xunta de Galiza é unha falta de respecto cara o alumnado de Miño”

O BNG esixe á Xunta de Galiza solucións urxentes para o CPI Castro Baxoi e denuncia o abandono do centro educativo

Miño, luns 4 de maio. O BNG de Miño denuncia o reiterado incumprimento dos compromisos por parte do goberno do PP da Xunta de Galiza co CPI Castro Baxoi, en particular no relativo ao arranxo da cuberta do patio, unha actuación comprometida desde o ano 2023 e que, a día de hoxe, continúa sen executarse.

Tal e como recolle a iniciativa presentada no Parlamento de Galiza pola deputada do BNG, Mercedes Queixas, a Consellería de Educación comprometeuse a analizar e acometer melloras nesta infraestrutura básica. Porén, non se realizou ningunha intervención até o día de hoxe, desaproveitando períodos idóneos como o verán para executar as obras sen afectar á actividade lectiva .

A cuberta do patio é un elemento fundamental para o desenvolvemento normal da actividade escolar, especialmente en condicións meteorolóxicas adversas, polo que a súa situación actual está a xerar importantes prexuízos para o alumnado e o conxunto da comunidade educativa . “A inacción da Xunta de Galiza é unha falta de respecto cara o alumnado de Miño”, denuncia a deputada nacionalista, Mercedes Queixas. “Esta situación é un síntoma máis da total ausencia de planificación e investimento por parte da Xunta no conxunto dos centros educativos do país”, remata.

Recorte do horario lectivo na ESO

Ademais, o BNG trasladou o seu total apoio á ANPA do centro ante a problemática que leva anos producíndose na organización horaria da ESO. A redución do tempo efectivo das sesións lectivas, con períodos inferiores aos estabelecidos con carácter xeral, supón unha merma na calidade educativa e evidencia, unha vez máis, as consecuencias das políticas de recorte do PP no ensino público.

Neste sentido, as nacionalistas lembran que esta situación tamén foi trasladada ao Parlamento de Galiza hai ano e medio sen que o goberno galego adoptase ningunha medida correctora. Por iso, animan ás familias a sumarse a campaña iniciada pola ANPA e presentar reclamacións para reforzar unha demanda colectiva e recuperar horarios lectivos dentro da legalidade.

O BNG esixe á Xunta de Galiza solucións urxentes para o CPI Castro Baxoi e denuncia o abandono do centro educativo