O BNG de Miño pide a rectificación do goberno local e busca o apoio unánime da corporación ás traballadoras do SAF

As nacionalistas propoñen a reprobación da concelleira de Servizos Sociais, ao ser a persoa que asina a carta na que culpabiliza ás traballadoras e non contribúe a resolver o conflito

O BNG de Miño lembra que foron os incumprimentos da empresa concesionaria e a súa deficiente xestión o que provocou o empeoramento da atención

Alberte G. Nicolás : “Non podemos aceptar que o goberno local traslade a idea de que a situación do SAF se deba ás baixas do persoal”

O BNG de Miño pide a rectificación do goberno local e busca o apoio unánime da corporación ás traballadoras do SAF

Miño, 14 de abril de 2026. O BNG de Miño levará ao vindeiro debate plenario unha moción para esixir a rectificación pública comunicación enviada no mes de marzo ás persoas usuarias do SAF. Nesa comunicación, insinúase que a situación de “inestabilidade absoluta” do servizo estaría relacionada co elevado número de baixas entre as traballadoras, trasladando así unha mensaxe claramente inxusta e irresponsábel.

A formación nacionalista lembra que foron os incumprimentos da empresa concesionaria e a súa deficiente xestión o que provocou o empeoramento da atención, con usuarias que non reciben as horas asignadas ou mesmo quedan sen servizo durante días ou semanas. Ao mesmo tempo, o BNG alerta de que as traballadoras están a sufrir atrasos no pagamento das nóminas, sobrecarga de traballo e unha crecente incerteza laboral, o que repercute directamente na calidade dun servizo esencial e no benestar das traballadoras.

“Non podemos aceptar que o goberno local traslade a idea de que a situación do SAF se deba ás baixas do persoal”, sinala Alberte G. Nicolás, portavoz municipal do BNG. “É inaceptábel culpabilizar ás traballadoras, que precisamente son as que levan meses sostendo o servizo en condicións moi difíciles”, denuncia.

Neste contexto, as nacionalistas quere poñer en valor o papel das traballadoras, que están a defender os seus dereitos laborais e a calidade do servizo. “Lonxe de ser parte do problema, as traballadoras son unha parte fundamental da solución. O Concello debería estar ao seu lado, non sinalándoas”, subliña o nacionalista.

Esta iniciativa, que se debaterá este xoves no Pleno, busca tamén o apoio institucional ás traballadoras e ás súas reivindicacións, así como esixir á empresa Os Ventos o cumprimento inmediato das súas obrigas en materia laboral e contractual. Ademais, tamén contempla a reprobación da concelleira de Servizos Sociais, ao ser a persoa que asina a carta na que, segundo o BNG, “culpabiliza ás traballadoras e non contribúe a resolver o conflito”.

Compromiso co sector lácteo galego e co pobo palestino

O BNG tamén levará a debate unha iniciativa sobre a necesidade de tomar medidas reais e efectivas de apoio ao sector lácteo galego. Un sector en crise que precisa un cambio de modelo que aposte pola valorización do produto, pola mellora da capacidade negociadora do sector e pola adopción de políticas públicas adaptadas á realidade galega, que garantan a viabilidade das explotacións e o futuro do rural.

Desde o BNG sinalan que “a actual conxuntura, marcada polo encarecemento dos custos de produción —especialmente en combustíbel, fertilizantes e alimentación— e pola previsión de novos contratos á baixa, agrava a situación do sector, xerando unha enorme incerteza entre os produtores e produtoras”, polo que “é preciso tomar medidas de calado canto antes”.

Por outra banda, o BNG de Miño trasladará unha moción promovida pola Plataforma Cidadá “Comarca de Betanzos con Palestina”, onde insta ao Goberno do Estado a activar o mecanismo da Resolución 377 (V) da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, coñecida como "Unión pro Paz", para facer fronte á grave situación que atravesa a poboación palestina.

O BNG de Miño pide a rectificación do goberno local e busca o apoio unánime da corporación ás traballadoras do SAF