O BNG de Miño lamenta o rexeitamento da súa proposta para impulsar a participación veciñal na toma de decisións municipais
As nacionalistas sinalan que aplicar medidas como os encontros parroquiais, habilitar o “Escano Veciñal” ou uns orzamentos participativos permitirían mellorar as políticas públicas, detectar necesidades reais da veciñanza e reforzar a confianza na institución local
Alberte G. Nicolás: “Son medidas perfectamente asumíbeis por calquera goberno que crea na participación real da veciñanza”
Miño, 4 de marzo de 2026. O BNG en Miño presentou no último pleno unha iniciativa para avanzar nun modelo de gobernanza máis aberto, participativo e transparente, coa posta en marcha de diferentes ferramentas destinadas a reforzar a implicación directa da veciñanza na toma de decisións municipais. Esta moción contou co voto negativo do goberno municipal do PSOE, polo que non prosperou.
A proposta defendida polo BNG de Miño partía dunha idea clara: os concellos, como administración máis próxima á cidadanía, deben facilitar canles estábeis e útiles para que a veciñanza poida coñecer, opinar e participar nas decisións que afectan ao seu día a día.
Entre as medidas recollidas na moción figuraban a posta en marcha dun programa estábel de encontros veciñais periódicos nas oito parroquias do concello; a creación do “Escano Veciñal” nos plenos municipais, habilitando unha quenda específica de rogos e preguntas abertas á cidadanía e o desenvolvemento dun proceso anual de orzamentos participativos, reservando unha porcentaxe do orzamento municipal a actuacións decididas pola veciñanza.
Segundo sinalou Alberte G. Nicolás, portavoz municipal do BNG de Miño, durante “non estamos falando de grandes investimentos nin de proxectos complexos, senón de vontade política. Son medidas perfectamente asumíbeis por calquera goberno que crea na participación real da veciñanza”. O edil nacionalista insistiu en que estas ferramentas permitirían mellorar as políticas públicas, detectar necesidades reais nas parroquias e reforzar a confianza na institución local.
Desde o BNG consideran que é difícil de explicar que o PSOE votase en contra de todas as medidas que, ao seu xuízo, “o único que pretendían era abrir portas e escoitar á xente”. Para as nacionalistas, o rexeitamento da moción evidencia que o goberno municipal “non quere dar pasos cara a unha maior transparencia e participación, e prefire manter un modelo pechado, afastado da veciñanza”.
“O Concello debe achegarse á cidadanía e facilitar tamén que a cidadanía se achegue ao Concello. Iso é democracia de calidade”, concluíu Alberte G. Nicolás, quen reiterou que o BNG seguirá defendendo iniciativas que dean voz directa ás veciñas e veciños de todas as parroquias de Miño, sen diferenzas de trato por razóns territoriais.