O BNG de Miño defenderá mañá nun encontro a necesidade de reforzar o servizo de autobús nos desprazamentos aos centros educativos da comarca e as cidades de Ferrol e A Coruña
Desde o BNG lembraron que teñen presentadas varias iniciativas no Parlamento para solicitar que se reforcen as frecuencias nestas liñas e dando traslado das múltiples queixas das persoas usuarias do servizo
Miño, 22 de outubro de 2025. O BNG defenderá mañá nun encontro veciñal en Miño a necesidade de reclamar un transporte público que poña o centro nas persoas e as necesidades do País e non o beneficio empresarial. “O transporte é un servizo esencial e por iso temos que reclamar que funcione correctamente”, explicaron desde o BNG. No acto, que se celebrará mañá a partir das 19:30 no local social da Rúa, intervirán tamén Alberte G. Nicolás, do BNG de Miño, e Mercedes Queixas e Paulo Ríos, deputada e deputado do BNG no Parlamento de Galiza.
“A empresa Monbus acapara todos os servizos de transporte que a Xunta concesiona en Ferrol, As Mariñas e A Coruña e acumula unha serie de incumprimentos do contrato e de necesidades sen cumprir, sen a Xunta actúe para garantir un servizo de calidade”, engaden desde o BNG.
Desde o BNG seguen a reivindicar o transporte colectivo como un servizo público básico, que debe atender ás diferentes necesidades e realidades tanto sociais como territoriais. “Nestes meses as queixas fundamentais prodúcense no transporte escolar e no transporte integrado utilizado polo estudantado para desprazarse aos centros educativos, sobre todo en Betanzos”, informaron.
Desde o BNG lembraron que teñen presentadas varias iniciativas no Parlamento para solicitar que se reforcen as frecuencias nestas liñas e dando traslado das múltiples queixas das persoas usuarias do servizo.