O BNG pide que a Xunta asuma o custo íntegro das escolas infantís de Miño

Alberte G. Nicolás: “A creación, mantemento e xestión das escolas infantís públicas de 0 a 3 anos é unha competencia exclusiva da Xunta de Galiza. Por iso, propoñemos a Xunta de Galiza asuma o financiamento íntegro das escolas municipais de Miño e a súa transferencia á rede Galiña Azul”

O Concello de Miño tivo que asumir máis de 225.000€ no ano 2024 para manter o servizo que presta a Escola Infantil Municipal “A Ceboliña”, servizo que é competencia da Xunta de Galiza

O BNG pide que a Xunta asuma o custo íntegro das escolas infantís de Miño

Miño, 15 de outubro de 2025. O BNG propón que a Xunta de Galiza asuma o financiamento íntegro das escolas municipais de Miño e a súa transferencia á rede “Galiña Azul”. “A creación, mantemento e xestión das escolas infantís públicas de 0 a 3 anos é unha competencia exclusiva da Xunta de Galiza. Porén, a realidade é que numerosos concellos galegos, como o de Miño, son os que están a asumir, con enormes dificultades financeiras, o custe dun servizo que non é competencia municipal”, explicou o portavoz do BNG, Alberte G. Nicolás. 

En Miño, a Escola Infantil Municipal “A Ceboliña” supuxo no ano 2024, segundo datos do propio Concello, un custe de máis de 365.000€, para os cales a Xunta de Galiza achegou apenas 120.000€ e, por outra banda, as familias desembolsaron case 17.000€ de cotas de comedor”, engadiu o portavoz do BNG. “Estes datos arroxan que o Concello de Miño tivo que asumir máis de 225.000€ anuais para manter un servizo que é competencia da Xunta de Galiza”, indicou. 

“A esta situación engádese que o Concello está habilitando unha nova escola infantil municipal na antiga unitaria do Xarío, necesaria para atender a demanda crecente derivada do aumento poboacional e das novas familias residentes, o que duplicaría o esforzo económico municipal se a Xunta continúa sen asumir as súas responsabilidades”, informou Alberte G. Nicolás. Desde o BNG, informan que a integración das escolas infantís na rede “Galiña Azul” permitiría que o servizo fose asumido pola administración competente, garantindo a continuidade, a gratuidade real e o mantemento das prazas, ao tempo que se liberan recursos municipais que poderían destinarse a outros servizos locais.

“No caso de Miño, o aforro derivado da transferencia da Escola Infantil Municipal “A Ceboliña” e da futura escola no Xarío permitiría compensar, xunto co ingreso correspondente ao IBI da AP9, unha parte substancial da cota anual de arredor de 500.000 € que o Concello paga ao Estado pola débeda herdada do desastre na xénese e xestión da construción da urbanización Costa Miño, contribuíndo así á estabilidade financeira municipal”, concluíu o portavoz do BNG, Alberte G. Nicolás.

O BNG pide que a Xunta asuma o custo íntegro das escolas infantís de Miño