O BNG alerta da falta de limpeza dos sumidoiros en Miño e demanda solucións inmediatas

Alberte G. Nicolás: “Non é de recibo que o goberno municipal se limite a esperar por un novo contrato sen ofrecer alternativas, cando os sumidoiros levan anos sen unha limpeza adecuada”

O BNG alerta da falta de limpeza dos sumidoiros en Miño e demanda solucións inmediatas

O BNG propón que, de maneira excepcional, o Concello asuma directamente o a limpeza dos sumidoiros mentres non se licita un novo contrato

Miño, 23 de setembro de 2025. O BNG de Miño volveu advertir do mal estado e da falta de limpeza dunha parte dos sumidoiros do municipio, unha situación que xa foi trasladada en diferentes ocasións ao Pleno da Corporación e que, segundo o portavoz municipal, Alberte G. Nicolás, “segue sen solución malia que xa en outubro de 2023 trasladamos a nosa preocupación”.

A acumulación de lixo e outros materias nos sumidoiros provoca atascos que impiden o correcto desaugue, xerando charcos, malos cheiros e mesmo risco de inundacións cando se producen chuvias intensas, como xa ocorreu na contorna da praza da Fonte. “Falamos dun problema de seguridade e salubridade pública, que non pode quedar adiado indefinidamente”, subliñou Alberte G. Nicolás.

O BNG lembra que o alcalde recoñeceu que a empresa concesionaria non se fai cargo da limpeza dos sumidoiros porque non está recollido de forma explícita no contrato, o cal leva anos caducado. Ademais, o rexedor indicou que a limpeza non se acometería até a entrada en vigor dun novo contrato, sen concretar prazos, o que podería dilatar aínda máis esta actuación.

“Non é de recibo que o goberno municipal se limite a esperar por un novo contrato sen ofrecer alternativas, cando os sumidoiros levan anos sen unha limpeza adecuada”, criticou o portavoz nacionalista. O BNG tamén propuxo que, de maneira excepcional, o Concello asumise directamente o custe desta actuación, mais o goberno local negouse a esta posibilidade, remitíndose de novo ao futuro contrato.

Ante esta situación, desde o BNG de Miño sinalan que “o goberno municipal ten a obriga de garantir o mantemento básico das infraestruturas municipais”, así como de “evitar problemas innecesarios que só son froito da súa deixadez”.

O BNG alerta da falta de limpeza dos sumidoiros en Miño e demanda solucións inmediatas