O BNG propón en Miño a creación dunha praia canina e áreas de esparcemento para mellorar o benestar animal
Alberte G. Nicolás: “É necesario adaptar os espazos públicos e as políticas locais para garantir unha convivencia equilibrada, que respecte os dereitos da veciñanza e favoreza o benestar dos animais”
Miño, 16 de setembro de 2025. O BNG de Miño presentou unha iniciativa para próximo pleno municipal coa que busca avanzar no benestar animal e na convivencia cidadá, propoñendo a creación dunha praia canina con acceso durante todo o ano e a habilitación de zonas de esparcemento para cans no núcleo urbano e na urbanización Costa Miño.
“O número de cans en Miño non deixa de medrar e para moitas familias son unha parte esencial da súa vida cotiá. É necesario adaptar os espazos públicos e as políticas locais para garantir unha convivencia equilibrada, que respecte os dereitos da veciñanza e favoreza o benestar dos animais”, explicou Alberte G. Nicolás, portavoz municipal do BNG de Miño.
Na súa iniciativa, o BNG sinala que as persoas que conviven con cans enfróntanse a dificultades para atopar lugares seguros onde estes poidan correr, xogar e socializar. “As restricións de acceso ás praias e a falta de áreas acondicionadas obrigan moita xente a recorrer a espazos improvisados, sen valado nin medidas de seguridade”, advertiu o concelleiro.
A moción propón habilitar unha praia canina en Miño, elixindo unha localización que combine boas condicións ambientais, facilidade de acceso e respecto pola biodiversidade costeira e crear áreas de esparcemento canino tanto no núcleo urbano como en Costa Miño, equipadas con valado, sombra, puntos de auga, mobiliario e dispensadores de bolsas. Ademais, as nacionalistas vén necesario desenvolver unha campaña informativa sobre o uso responsábel destes espazos e a importancia de manter limpos os lugares públicos, algo que consideran que “é unha materia pendente tanto da veciñanza como do propio Concello de Miño”.
“Estas medidas mellorarían de maneira substancial a calidade de vida dos animais e das persoas que os coidan, ao tempo que afianza un Miño comprometido co coidado dos animais e atento ás novas demandas sociais”, concluíu o portavoz nacionalista.
Máis prevención fronte aos lumes e un sistema público de coidados digno
No mesmo pleno, tamén se debaterá a aprobación de dúas mocións co obxectivo de poñer o foco en dous retos prioritarios para Galiza: a defensa do territorio fronte ás vagas de lumes e o reforzo dun sistema público de coidados que garanta unha atención digna ás persoas dependentes.
“O abandono do monte e a falta dunha política forestal seria deixan o noso país exposto a incendios devastadores, como vimos este verán”, advertiu Alberte G. Nicolás, quen reclamou “previsión, investimento e un modelo de monte multifuncional que xere riqueza e protexa o medio”.
No ámbito social, o edil nacionalista denunciou o desmantelamento do sistema público de atención á dependencia e a asfixia financeira do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). “Non podemos permitir que os recortes condenen ás persoas maiores e dependentes nin que a Xunta devolva os coidados ao fogar, cargando sobre as mulleres unha responsabilidade que é colectiva”, sinalou.
O BNG pide que o Concello se sume á demanda dun plan integral de prevención e xestión forestal, así como dun financiamento suficiente para o SAF e a dependencia; apostando por un modelo público, con prazas dignas e boas condicións laborais.