O BNG solicita ao goberno municipal maior transparencia e prevención despois do último vertido detectado praia Grande de Miño
Miño, 18 de xuño de 2025. Logo de que o baño estivera desaconsellado nos últimos días na zona da ría da praia Grande de Miño, o BNG de Miño solicita ao goberno municipal maior transparencia e que mellore os mecanismos de prevención de saúde pública.
“O goberno municipal non fixo maior esforzo que a colocación dun cartaz no acceso ao areal”, destacaba Alberte G. Nicolás, voceiro municipal do BNG. “O Concello de Miño ten máis ferramentas para chegar á veciñanza e visitantes para, sen caer no alarmismo, evitar males maiores”. Desde o BNG tamén piden aclarar como se fixo este aviso, xa que descoñecen se foi en todos os accesos da praia ou só nos próximos a zona de baño afectada.
As nacionalistas, ademais de demandar máis e mellores medidas preventivas, solicitan que o executivo municipal aclare as causas do vertido. “Non sabemos se estamos a falar dun feito puntual ou se poderiamos enfrontar un novo episodio no futuro”, sinalaba o portavoz nacionalista. “Agora que comezamos a tempada estival e cada vez son máis as persoas que desfrutan das praias da localidade, é máis necesaria a transparencia e a celeridade en coñecer as causas para evitar que se repita unha situación similar”.