O BNG reitera o seu rexeitamento ao proxecto da pasarela entre a Ponte do Puzo e a Praia Grande por motivos ambientais e de mobilidade
Miño, 23 de maio de 2025. O BNG de Miño manifestou novamente a súa oposición aos proxectos para conectar Telle coa Ponte do Puzo e, desde aí, coa Praia Grande. A formación nacionalista considera que esta infraestrutura, cun investimento conxunto próximo aos 2 millóns de euros, podería supoñer un impacto negativo sobre as Marismas do Baxoi. Ademais, o seu mantemento suporía un elevado coste para o Concello.
Desde a publicación inicial do proxecto, o BNG amosou o seu escepticismo respecto á idoneidade da intervención, argumentando que a nova vía entre a ponte do Puzo e a ponte da Praia Grande podería aumentar a presión sobre un ecosistema costeiro de alto valor ambiental. Ademais, sinalan que a proposta incrementa a distancia a percorrer, pasando de 800 a 1.053 metros, contradicindo o argumento de reducir os tempos de desprazamento e fomentar a mobilidade sostíbel.
A formación tamén critica que non se valorasen outras alternativas máis eficaces á hora de mellorar a mobilidade entre núcleos sen necesidade de tensionar este espazo natural, como a creación dunha senda segura na N-651, aproveitando tramos da antiga estrada e mellorando a seguridade peonil e o acceso ao transporte público que poida dar servizo a Bañobre, Ponte Baxoi e A Prata.
“Entendemos que a conservación e posta en valor deste espazo pódese conseguir sen ter que recorrer a estas sendas, que poden ser prexudiciais para un ecosistema xa de por si tensionado”, sinala Alberte G. Nicolás, portavoz municipal do BNG de Miño. “Desde o BNG sempre defendemos a conservación, rexeneración e protección das Marismas do Baxoi e a mellora da mobilidade e seguridade peonil, mais pódense e débense abordar por separado”, concluíu.
Un dos principais motivos de preocupación do BNG e polo cal non apoiou esta proposta, é a falta dun estudo de impacto ambiental, especialmente tendo en conta que as Marismas do Baxoi están en proceso de ser declaradas Espazo Natural de Interese Local (ENIL), forman parte das propostas de ampliación da Rede Natura 2000 e foron recentemente incluídas como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no Corredor Migratorio Galaico-Cantábrico Occidental.
A formación nacionalista tamén cuestiona a intención do goberno local de declarar esta actuación como de interese xeral ao abeiro da Lei de Costas, sen cumprir integramente os requisitos de protección e defensa do dominio público marítimo-terrestre e presentando unha xustificación que consideran “moi feble, tanto técnica como ambientalmente”.
As nacionalistas quixeron reafirmar seu compromiso coa defensa e conservación das Marismas do Baxoi e solicitan ao goberno municipal que paralice este proxecto e aposte por actuacións que garantan tanto a protección do patrimonio natural como a mellora real das comunicacións e da mobilidade da veciñanza, antes de avanzar con calquera outra intervención nas Marismas do Baxoi que poida comprometer o seu futuro.