O BNG propón ao Pleno a construción dunha residencia pública de maiores na antiga escola de Gallamonde

Alberte G. Nicolás: “A día de hoxe non existe unha residencia pública que poida dar este servizo ás maiores da comarca de Betanzos, tendo que elixir entre dúas alternativas: afrontar o gasto dunha residencia privada ou ter que desprazarse para ter acceso a este servizo”
Miño, 18 de febreiro de 2025. O BNG propón ao Pleno a construción dunha residencia de maiores na antiga escola de Gallamonde. “Logo da construción do CPI Castro Baxoi e do traslado do alumnado, a antiga escola de Gallamonde -de titularidade municipal- foi pechada e actualmente o uso que lle esta a dar é o de base do persoal de servizos do Concello de Miño, taller do servizo de obras, así como de almacén dos distintos materias, ferramentas e vehículos que se empregan no departamento de obras do Concello de Miño”, explicou o voceiro nacionalista, Alberte G. Nicolás.
“Trátase dunha finca de gran tamaño que conta cun edificio principal conservado que precisaría ser reacondicionado, mais podería albergar unha residencia pública de maiores”, engadiu Alberte G. Nicolás.
Por iso, desde o BNG entenden que o Concello de Miño valore a cesión a Xunta de Galiza deste edificio para a construción dunha residencia pública. “Cun estudo previo podería avaliarse a viabilidade de transformar esta antiga escola nun centro de maiores para que, no caso de que sexa positivo, a Xunta de Galiza o faga realidade e cubra un servizo necesario e demandado a partes iguais na nosa comarca”, explicou o portavoz do BNG.
“A día de hoxe non existe unha residencia pública que poida dar este servizo ás maiores da comarca de Betanzos, tendo que elixir entre dúas alternativas: afrontar o gasto dunha residencia privada ou ter que desprazarse, coas limitacións que lle pode supoñer á familia para facer visitas ou cos problemas que pode supoñer desligarse do teu lugar de orixe”, concluíu Alberte G. Nicolás.