O BNG pide no pleno a mellora dos accesos ao entorno das pistas da Galea
Alberte G. Nicolás: “Ao aparcadoiro e ás pistas deportivas temos que sumar a recente instalación dun “pumptrack” e a futura área de caravanas dentro do mencionado aparcadoiro, mais os accesos non están adaptados a esta nova realidade”
Miño, 16 de outubro de 2024. O BNG solicitará no pleno deste mes a mellora no acceso ao entorno das pistas da Galea, concretamente o situado na rúa Raxel, xunto a Praza do Parchís.
Para as nacionalistas, este acceso presenta “diferentes eivas que fan que a seguridade e acceso fluído non estea garantido ao “tratarse dunha rúa estreita de dobre sentido, onde no seu comezo permítese o estacionamento de vehículos a ambos lados para que, máis adiante, o túnel que salva a N-651 faga de funil e imposibilite o dobre sentido para os vehículos e deixe para os peóns un paso elevado intransitábel para cadeiras de rodas e carriños de crianzas”.
Na súa proposta, o BNG entende que debe haber unha intervención conxunta entre o Concello e o Estado, xa que hai vías afectadas de diferente titularidade e, polo tanto, “debe haber interlocución directa entre administacións e acadar un acordo”.
“Desde o BNG entendemos que habería que adiantarse aos problemas, buscando unha solución no acceso e seguridade desta zona”, di o seu voceiro Alberte G. Nicolás. “A solución pasa por ampliar o paso baixo a N-651, ensanchar beirarrúas e facilitar o acceso ao aparcadoiro desde as vivendas, cun tramo de escaleiras ou rampla á saída do túnel, que axude a paliar a posíbel perda de prazas de aparcadoiro na rúa Raxel”, concluíu.
Mantemento do CPI Castro Baxoi e reivindicación do 25N
As nacionalistas tamén pedirán no pleno as necesarias obras de mantemento no CPI Castro Baxoi e a súa contorna. As nacionalistas explicaron que estas obras, que levan sendo reclamadas durante moito tempo, son competencia do Concello e non deben adiarse no tempo indefinidamente. “Entendemos que o tempo para as declaracións de intencións xa rematou e é hora de reverter a situación que atravesa o CPI Castro Baxoi”, dixo Alberte G. Nicolás. “Cun PP no goberno galego que está a cumprir coa súa folla de ruta de dinamitar os servizos públicos máis básicos, o goberno municipal debe mostrar á veciñanza de Miño que hai outra maneira de facer as cousas coa vontade política de mellorar o día a día das miñesas e miñeses”, aseverou.
Por último, o BNG miñense defenderá unha moción para reivindicar o 25N e á necesidade de impulsar, por parte da Xunta de Galiza, compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista. Na moción presentada, lembran que cada 25 de novembro débese homenaxear ás miles de mulleres e de colectivos grazas aos que a violencia machista está no centro do debate político e non hai mellor homenaxe é comprometerse, tamén desde as administracións, con máis avances.