O BNG de Miño reclama ao goberno local que actúe xa para resolver o problema de acceso na rúa da Ribeira
Alberte G. Nicolás: “O único que provoca o desleixo do goberno municipal son molestias e problemas de seguridade nesta rúa”
Miño, 6 de agosto de 2024.- O BNG denunciou a inacción do Concello de Miño ao non dar unha solución ao afundimento do firme na rúa Ribeira, o cal leva máis de dous meses alterando o tránsito na contorna do Centro Social da Rúa.
“Hai que ter en conta que é agora cando esta rúa ten maior uso, xa que serve de acceso para a Praia da Ribeira para moitas veciñas e turistas”, sinalou Alberte G. Nicolás, voceiro do BNG de Miño. “Ademais, a falta de sinalización en rúas anexas, pode provocar maiores problemas de tráfico nunha época onde Miño chega a duplicar a súa poboación”, rematou.
As nacionalistas urxen ao goberno local a darlle unha solución este problema xa que “o seu desleixo o único que provoca son molestias e problemas de seguridade nesta rúa”.