O BNG lamenta o estado da vía que comunica Ombre con Costa Miño, inaugurada hai menos de 5 meses
Alberte G. Nicolás: “O asfaltado desta pista xa provocou malestar entre a veciñanza do lugar ao eliminar as entradas de diferentes fincas e agora, vemos tramos de pavimento nun estado lamentábel”
Miño, 4 de xaneiro de 2024.- O BNG de Miño lamenta o estado no que se atopa a estrada que conecta Ombre ca urbanización Costa Miño, a altura da rúa da Fraga. As nacionalistas esixen explicacións ao goberno municipal polo estado dunha estrada que foi pavimentada no mes de agosto do pasado ano e a día de hoxe presenta unhas fochancas que dificultan o tránsito de vehículos.
“O asfaltado desta pista xa provocou malestar entre a veciñanza do lugar ao eliminar as entradas de diferentes fincas e agora, cando apenas pasaron 5 meses desde a súa inauguración, vemos tramos de pavimento nun estado lamentábel”, sinalou o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás, “polo de pronto, pediremos explicacións e solicitaremos o arranxo inmediato da vía”, concluíu.
Desde a formación nacionalista lembran que o concello debe facer un uso eficiente dos seus fondos e evitar facer un desembolso económico pola mesma obra en apenas 5 meses, ademais do deber de pedir explicacións a empresa contratada para a obra.