O BNG de Miño consegue un acordo para desbloquear a declaración como ENIL das Marismas do Baxoi
Alberte G. Nicolás: “A aprobación desta moción reactiva o proceso para a protección dunhas marismas cun alto valor medioambiental paralizada desde o 2018”
Miño, 26 de setembro de 2023.- O BNG de Miño amosou a súa satisfacción logo de ver aprobada por unanimidade no pleno da pasada semana a moción que incluía a proposta de desbloquear a tramitación das Marismas do Baxoi como Espazo Natural de Interese Local (ENIL).
“A aprobación desta moción reactiva o proceso para a protección dunhas marismas cun alto valor medioambiental paralizada desde o 2018”, sinalou o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás, “un só concelleiro do BNG serviu para rematar ca cegueira do goberno municipal e agora agardamos que cumpran co acordado”.
Pese a todo, as nacionalistas lamentan a falta de ambición do goberno municipal, xa que o grupo socialista puxo como condición para o seu apoio a moción a eliminación da proposta de iniciar os contactos ca Xunta para a inclusión deste espazo na Rede Natura, como xa proxectara o propio goberno galego en 2008 e 2012.
“É inexplicábel que o goberno de Vázquez Faraldo non queira interpelar a Xunta ca desculpa de non crear tensión entre as administracións”, sinalou Alberte G. Nicolás, “mentres o PP ostente o goberno galego non avanzaremos na protección do noso medio natural se non é pola presión que poidamos realizar e o Concello de Miño non pode poñerse de perfil”.