O BNG de Miño lembra as melloras no CPI Castro Baxoi no debate sobre os fondos do POS+
Alberte G. Nicolás: “Temos pendentes obras necesarias como as melloras no CPI Castro Baxoi, melloras na seguridade viaria nas diferentes parroquias ou a colocación de cubertas en pistas deportivas e parques infantís”
Miño, 2 de setembro de 2023.- O BNG de Miño volveu mostrar preocupación pola xestión dos recursos que está a facer o goberno municipal do PSOE. No pleno que se celebrou esta mañá o goberno local propuxo destinar a totalidade da subvención da Deputación da Coruña, o POS+ 2023, a gasto corrente e non a investimentos.
As nacionalistas lembraron que o concello de Miño carece dun orzamento para o ano 2023 e o remanente de tesourería actualmente é moi escaso, todo isto sumado a delicada situación económica do concello pode provocar que investimentos necesarios para a veciñanza queden adiados durante meses, unha vez máis, polo que entenden como unha “falta de planificación” do executivo local.
“Coa situación económica do concello, o goberno municipal ten que facer maiores esforzos para asegurar os investimentos”, sinalou o voceiro do BNG, Alberte G. Nicolás. “Obras necesarias como a mellora da seguridade viaria en diferentes vías municipais en Bañobre, Carantoña ou Bemantes e a colocación de cubertas en pistas deportivas e parques infantís ou investimentos urxentes, como as do CPI Castro Baxoi, onde está a piques de comezar o curso escolar”, concluíu.
Desde o BNG tenden a man ao goberno para facer propostas en positivo e chegar a acordos para promover os investimentos que a veciñanza de Miño precisa a través dunha mellora da xestión dos recursos municipais.