O BNG de Miño mostrou a súa satisfacción pola declaración institucional en apoio ao CPI Castro Baxoi

Alberte G. Nicolás é o voceiro do BNG de Miño
Alberte G. Nicolás é o voceiro do BNG de Miño

Alberte G. Nicolás: “Desde o BNG estaremos sempre do lado dun ensino público e de calidade, e iso tamén pasa por baixar as ratios nas aulas e dar a posibilidade de que haxa novas matriculacións no centro unha vez comezado o curso"

O BNG de Miño mostrou a súa satisfacción pola declaración institucional en apoio ao CPI Castro Baxoi

Miño, 17 de agosto de 2023.- O BNG de Miño mostrou a súa satisfacción pola declaración institucional en apoio ao CPI Castro Baxoi aprobada no Pleno extraordinario de hoxe. O voceiro do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás, indicou que "calquera apoio á comunidade educativa do centro é pouco" e que "a pelota continúa no tellado da Xunta de Galiza".

As nacionalistas agradeceron que se atendese a súa petición, logo de coñecerse o anuncio da Consellería de Educación onde comunicaba o peche dunha das aulas de 4º de educación infantil. "Parece que o consellería non percibe a gravidade das súas políticas, que maltratan ao conxunto do ensino galego e, este ano, a afectada foi a veciñanza de Miño. "Desde o BNG estaremos sempre do lado dun ensino público e de calidade, e iso tamén pasa por baixar as ratios nas aulas e dar a posibilidade de que haxa novas matriculacións no centro unha vez comezado o curso", engadiu o voceiro nacionalista.

“A ratio marca o número máximo de alumnado por aula, mais nada impide que se manteña aberta unha aula aínda que non alcance eses números máximos. Nun concello como Miño, que aumenta en poboación, non ten sentido pechar unha aula de infantil, sabendo que é moi probábel que a matrícula aumente ao longo do curso e que o peche desta aula vai obrigar a parte do alumnado a matricularse noutros centros educativos”, indicou Alberte G. Nicolás. “Esiximos que a Xunta garanta a calidade do ensino e que todos os nenos e nenas que veñan a vivir a Miño teñan a opción de escolarizarse no noso concello”, explicou. 

Melloras nas instalacións do CPI Castro Baxoi

As nacionalistas demandaron ao goberno local realizar unha avaliación das necesidades estruturais do CPI Castro Baxoi e clarificar se as devanditas obras deben ser asumidas pola Xunta de Galiza ou polo Concello de Miño, tal e como lle solicitaron desde a ANPA do centro.

“O concello ten que realizar o mantemento básico como cortar a herba, pintar a fachada ou amañar a megafonía, e pode facelo inmediatamente cun mínimo gasto”, sinalou o voceiro nacionalista, "mais para o BNG tamén hai outras necesidades como rematar o peche do perímetro do colexio, o amaño da rampa da parte traseira para reducir a pendente ou mellora da cuberta que deben ser asumidas polo ente galego", concluíu.

O BNG de Miño mostrou a súa satisfacción pola declaración institucional en apoio ao CPI Castro Baxoi