O BNG esixiu á Xunta que cumpra a súa palabra e garanta a dotación de profesorado no CPI Castro Baxoi
O BNG solicita tamén ao goberno local que convoque un pleno extraordinario para trasladar á Xunta a solicitude do concello de Miño de que se manteña a dotación de profesorado e que se fagan canto antes as obras necesarias no CPI Castro Baxoi
Miño, 7 de agosto de 2023.- O BNG esixiu á Xunta que garanta a dotación de profesorado no CPI Castro Baxoi. “O PP comprometeuse no debate o mes pasado na comisión de cultura do Parlamento a manter a aula de 4º de infantil e o profesorado de apoio no CPI Castro Baxoi, mais segundo coñecemos por un comunicado da ANPA a Xunta ven de comunicar a supresión desta aula e a redución na dotación de profesorado de apoio”, explicou o voceiro do BNG de Miño, Alberte G. Nicolás.
“Esiximos ao goberno do PP na Xunta que cumpra a súa palabra e garanta a calidade educativa no noso concello”, indicou o voceiro nacionalista. “O concello de Miño experimentou un gran crecemento demográfico nos últimos 10 anos e coa expectativa de seguir medrando. Ao longo do curso pasado foi matriculado alumnado procedente da inmigración e é previsível que a situación se repita este curso. O PP non pode poñer en risco o dereito a un ensino de calidade mediante a supresión de prazas nun concello que segue medrando en poboación como Miño”, engadiu.
O BNG solicita un pleno extraordinario
O BNG solicita ao goberno local que convoque un pleno extraordinario para trasladar á Xunta a solicitude do concello de Miño de que se manteña a dotación de profesorado e que se fagan canto antes as obras necesarias no CPI Castro Baxoi. “O goberno local do PSOE ten que actuar xa e demostrar con feitos o seu compromiso coa comunidade educativa de Miño. O pleno do concello ten que tomar posición, esperamos que de maneira unánime todos os grupos apoien esta demanda da comunidade educativa, e trasladalo o antes posíbel á Xunta, para que a comezo de curso esta situación estea resolta”, concluíu Alberte G. Nicolás.