O BNG de Miño comprometeuse a impulsar un xeriátrico na antiga escola de Gallamonde
“Estudaremos a viabilidade de transformar a antiga escola de Gallamonde e a súa parcela nunha residencia de maiores. Unha infraestrutura imprescindíbel para Miño e para unha comarca como As Mariñas que non ten nin unha soa praza de xeriátrico público”
Miño, 25 de maio de 2023.- . O BNG de Miño comprometeuse a impulsar un xeriátrico na antiga escola de Gallamonde. “Estudaremos a viabilidade de transformar a antiga escola de Gallamonde e a súa parcela nunha residencia de maiores. Unha infraestrutura imprescindíbel para Miño e para unha comarca como As Mariñas que non ten nin unha soa praza de xeriátrico público”, explicou o candidato á alcaldía de Miño, Alberte G. Nicolás.
“Trátase dun edificio público que actualmente o concello utiliza como almacén e que conta cunha parcela de case 18 mil metros cuadrados, adicados a unha prantación de eucalipto e chea de escombros”, engadiu o candidato nacionalista.
“O edificio quedou sen uso hai máis de 20 anos cando se trasladou o colexio ao CPI Castro Baxoi. Cun déficit total de prazas de residencia de maiores pública temos a obriga de esixir da Xunta que cubra as necesidades do noso concello e da comarca, e unha boa solución sería utilizar un edificio que xa é público e que non ten un uso concreto”, indicou Alberte G. Nicolás.
“Pensamos que é fundamental que o concello reclame a revisión e ampliación do convenio do Centro de Día da Regueira, para garantir que se segue mantendo este servizo imprescindíbel en Miño e na nosa comarca, que só conta con esas prazas de centro de día público”, informou o candidato á alcaldía do BNG.
Outras medidas para mellorar os servizos sociais
“Melloraremos o Servizo de Axuda no Fogar e estudaremos a prestación do servizo de forma directa desde o Concello. Ademais poñeremos en marcha de programas de envellecemento activo nos locais sociais e en colaboración coas asociacións”, concluíu o candidato do BNG.