O BNG presentou hoxe o seu programa de goberno para Miño para as próximas eleccións municipais
Alberte G. Nicolás: “Prestamos moita atención aos temas ambientais, de modelo urbano e mobilidade que forman parte do modelo BNG que estamos poñendo en marcha nos concellos que gobernamos como Pontevedra ou Allariz”
Miño, 5 maio de 2023.- O BNG presentou hoxe o seu programa de goberno para Miño para as próximas eleccións municipais. O programa do BNG divídese en 11 bloques temáticos e recolle as propostas para os 100 primeiros días de goberno.
No seu programa o BNG recolle temas que levan anos demandando como a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) das marismas do Baxoi e a súa inclusión na Rede Natura, para garantir a súa conservación.
“Prestamos moita atención aos temas ambientais, de modelo urbano e mobilidade que forman parte do modelo BNG que estamos poñendo en marcha nos concellos que gobernamos como Pontevedra ou Allariz”, explicou o candidato do BNG, á alcaldía de Miño, Alberte G. Nicolás.
“Estudar a peonalización dalgunhas rúas do centro de Miño, como o tramo aberto ao tráfico da rúa Real ou as inmediacións das pistas do Rabazal, aumentando a seguridade viaria nas zonas moi transitadas e arredores de parques infantís e pistas deportivas”, engadiu Alberte G. Nicolás.
“Poñeremos en marcha un servizo permita conectar as diferentes parroquias cos servizos que ofrece a vila de Miño, como supermercados, farmacias, bancos, salóns de peiteado ou comercios. Será un servizo baixo demanda e que substituirá o deficiente servizo de autobús”, explicou o candidato nacionalista.
Melloras no CPI Castro Baxoi
Desde o BNG consideran fundamental garantir unhas infraestruturas educativas de calidade e por iso comprométense no seu programa de goberno a realizar as obras de mantemento oportunas no CPI Castro Baxoi e demandar á Xunta de Galiza os investimentos necesarios para a mellora das instalacións.
“Melloraremos do convenio ca ANPA do CPI Castro Baxoi, como nos comprometemos na reunión que celebramos coa asociación de nais e pais, para incluír a posta a disposición dun espazo físico propio e unha contía económica suficiente que permita sufragar os gastos das diferentes actividades da asociación”, engadiu Alberte G. Nicolás.
O BNG inclúe tamén medidas para promover a igualdade, restituír a memoria histórica, normalizar o uso da lingua ou democratizar o concello.