O BNG celebrou un acto de presentación da súa candidatura para as eleccións municipais
Alberte G. Nicolás: “Fronte ao desleixo e a desatención do goberno local, desde o BNG estamos traballando para darlle futuro a Miño, porque Miño merece máis. Contamos con todas e todos para construír un proxecto de futuro”
Miño, 28 de abril de 2023.- O BNG celebrou un acto de presentación da súa candidatura para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio, no que interviñeron a número 7 da candidatura do BNG de Miño, Tania Casás, a deputada do BNG, Mercedes Queixas e o candidato á alcaldía, Alberte G. Nicolás.
A deputada do BNG, Mercedes Queixas puxo en valor o “compromiso da xente nova, como o candidato de Miño, Alberte G. Nicolás, e a súa ilusión por conseguir un País con futuro desde os concellos”. “Alberte é unha persoa valente, disposta a dar un paso adiante, encabezando un proxecto para un Miño, un proxecto de cambio político pensado con e para a veciñanza”, engadiu Queixas, quen engadiu que as eleccións municipais son o primeiro paso para o cambio político en Galiza.
Alberte G. Nicolás encabeza a candidatura do BNG acompañado “por un grupo de xente con ilusión e ganas de traballar por e para Miño”. “Concorremos a este proceso electoral como alternativa e co obxectivo de ser unha forza decisiva no futuro de Miño”, engadiu o candidato nacionalista.
“Temos un concello con moitas posibilidades de futuro, pero temos que abandonar o modelo de urbanismo descontrolado e camiñar cara a un modelo máis sostíbel, máis verde con máis e mellores servizos para as veciñas e veciños”, explicou Alberte G. Nicolás.
O candidato nacionalista comprometeuse a loitar por un transporte público de calidade, por unhas frecuencias de bus e horarios que se adapten ás necesidades das persoas usuarias. “Mais tamén defenderemos un tren de proximidades, que nos permita desprazarnos á Coruña e Ferrol, para facer da nosa situación a medio camiño entre as dúas cidades unha oportunidade de futuro”, explicou.
“Comprometémonos a demandar melloras no CPI Castro Baxoi e unha atención sanitaria de calidade, porque a defensa dos servizos públicos é fundamental no proxecto político do BNG”, engadiu. O candidato nacionalista comprometerse a protexer os espazos naturais, como as Marismas do Baxoi, avanzando na declaración do ENIL e demandando a súa inclusión na Rede Natura.