O BNG propuxo que se lle dea o nome da mestra represaliada María Vázquez Suárez ao colexio de Miño
Alberte G. Nicolás: “Este sería o primeiro paso no recoñecemento e dignificación das máis de 90 vítimas represaliadas polo franquismo no noso concello por defender a liberdade e a democracia”
Miño, 19 de agosto de 2022.- O BNG propuxo que se lle dea o nome da mestra represaliada María Vázquez Suárez ao colexio de Miño. Mediante unha acción simbólica, a coincidir co aniversario do seu asasinato, o BNG de Miño solicitou que o goberno local solicite á Xunta a modificación do nome do CPI de Miño para homenaxear á mestra represaliada María Vázquez Suárez.
“María Vázquez Suárez, militante feminista e mestra no concello de Miño durante a República, foi firme defensora dos dereitos da muller e a defensa da súa participación na vida política, motivos polos que foi asasinada en 1936”, explicou o portavoz do BNG, Alberte G. Nicolás. “Este sería o primeiro paso no recoñecemento e dignificación das máis de 90 vítimas represaliadas polo franquismo no noso concello por defender a liberdade e a democracia”, engadiu.
“Entendemos que a memoria é necesaria, imprescindíbel como acto de reparación”, indicou o portavoz nacionalista. “Pensamos que supón un gasto mínimo e sería unha maneira de restaurar o pasado democrático do concello e reivindicar o dereito á verdade, á xustiza e á reparación”, explicou Alberte G. Nicolás. De maneira simbólica, militantes e simpatizantes do BNG de Miño imprimiron unha imaxe dunha placa nomeando CPI María Vázquez Suárez ao colexio público.