O BNG esixiu ao goberno local que estableza prazos para avanzar na protección das Marismas do Baxoi
“Non parece que a protección ambiental das Marismas do Baxoi sexa unha prioridade vendo que estamos chegando ao fin deste mandato e o PSOE continúa sen avanzar neste tema”
Miño, 5 de outubro de 2022.- O BNG esixiu ao goberno local que estableza prazos para avanzar na protección das Marismas do Baxoi. “Esta semana o goberno local respostou as nosas preguntas sobre a protección das Marismas do Baxoi que presentamos no pasado mes de abril, afirmando que na tramitación do ENIL a Xunta requiriu no 2018 unha documentación que o concello aínda non enviou, 4 anos despois”, explicou o responsábel local do BNG, Alberte G. Nicolás.
“Do mesmo xeito no que ten que ver coa solicitude da súa inclusión na Rede Natura o goberno local recoñece que sería necesario ter un informe dos seus valores naturais para o cal habería que contratar a unha empresa externa pola falta de técnicos municipais que poidan facer este traballo, pero que tampouco se contratou”, engadiu o responsábel nacionalista.
“Non parece que a protección ambiental das Marismas do Baxoi sexa unha prioridade vendo que estamos chegando ao fin deste mandato e o PSOE continúa sen avanzar neste tema”, criticou Alberte G. Nicolás. Desde o BNG pediron ao goberno local que marque prazos concretos para avanzar na protección deste espazo natural de grandísimo valor, ameazado pola futura urbanización en Monte Piñeiro.
“Pedimos ao PSOE coherencia co que defendía cando estaba na oposición tanto na súa postura con respecto á protección das Marismas como coa urbanización de Monte Piñeiro, na que si parece que ten máis presa por avanzar”, concluíu.