O BNG presentou en Miño a súa iniciativa para que se inclúan as Marismas do Baxoi na Rede Natura
“As máis de 93 hectáreas que compoñen as Marismas do Río Baxoi non gozan de ningún tipo de protección. Este espazo estaba incluído nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 tanto de 2008 como de 2012 que o goberno galego nunca chegou a aprobar”
Miño, 5 maio de 2022.- O deputado Luís Bará e a deputada Mercedes Queixas, xunto co responsábel local do BNG, Alberte G. Nicolás, a responsábel comarcal, Cristina López e outros militantes e simpatizantes visitaron onte as Marismas do Baxoi para facer pública a iniciativa presentada polo BNG no Parlamento reclamando a súa protección. “As máis de 93 hectáreas que compoñen as Marismas do Río Baxoi non gozan de ningún tipo de protección. Este espazo estaba incluído nas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 tanto de 2008 como de 2012 que o goberno galego nunca chegou a aprobar”, explicou o deputado do BNG, Luís Bará.
“Tanto o Plan de Ordenación do Litoral como o Plan Hidrolóxico Galiza Costa salientan os valores ambientais, paisaxísticos e ecosistémicos do esteiro do Baxoi. O POL caracterizouno como área de mellora ambiental e paisaxística”, engadiu o deputado do BNG.
“No ano 2017 o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER), da USC, elaborou un estudo para a ADR As Mariñas Betanzos e o Concello de Miño no que se localizaron 28 hábitats de interese comunitario nas Marismas do Baxoi, que agardan desde hai anos a súa inclusión na Rede Natura”, engadiu o deputado nacionalista. Desde o BNG solicitan tamén que a Xunta de Galiza dote ás Marismas do Baxoi dunha protección cautelar mentres tramita a integración das mesmas na Rede Natura 2000.
O responsábel local do BNG, Alberte G. Nicolás, lembrou que veñen de solicitar ao goberno local de Miño que reclame á Xunta a protección das Marismas e información sobre a situación en que se atopa o proxecto para a declaración do ENIL.
Reunión con colectivos ecoloxistas da comarca
Os deputados nacionalistas reuníronse tamén con representantes de colectivos ecoloxistas da comarca como a Sociedade Galega de Historia Natural, Adega ou Hábitat e de entidades de custodia como Fragas do Mandeo que lles trasladaron a súa preocupación pola falta de interese da Xunta de Galiza na protección da natureza, a importancia de preservar a biodiversidade e de pular pola ampliación da Rede Natura.