O BNG pediu ao goberno local que a nova web de turismo conte con versión en galego
Expresamos a nosa defensa da diversidade lingüística como un ben inmaterial que debe ser conservado e potenciado, pero de ningunha maneira podemos consentir que baixo a desculpa da promoción turística ou a atracción internacional se exclúa a lingua propia do País”
Miño, 27 de abril de 2022.- O BNG pediu ao goberno local que a nova web de turismo conte con versión en galego. “A nova web de turismo que acaba de presentar o goberno local conta con versión en español e en inglés, excluíndo a nosa lingua deste uso”, explicou o responsábel local do BNG, Alberte G. Nicolás.
“Expresamos a nosa defensa da diversidade lingüística como un ben inmaterial que debe ser conservado e potenciado, pero de ningunha maneira podemos consentir que baixo a desculpa da promoción turística ou a atracción internacional se exclúa a lingua propia do País”, engadiu o responsábel local do BNG.
Desde o BNG, pedirán ao goberno local que aprobe unha ordenanza para regular e promover o uso do galego no Concello de Miño. "O noso concello carece de ordenanza para regular os usos na propia administración e pensamos que sería moi importante que se aprobase para promover o uso da lingua nun concello cunha baixísima porcentaxe de galego falantes e onde o uso segue a baixar”, concluíu Alberte G. Nicolás.