O BNG defendeu nun encontro en Miño a necesidade dun transporte público que poña o centro nas persoas e nas necesidades do País
Desde o BNG lembraron que teñen presentadas varias iniciativas no Parlamento para solicitar que se repoñan as frecuencias suprimidas na liña A Coruña-Ferrol desde o pasado mes de febreiro e que está provocando múltiples problemas ás persoas usuarias do servizo
Miño, 1 de abril de 2022.- O BNG defendeu onte nun encontro veciñal en Miño a necesidade de reclamar un transporte público que poña o centro nas persoas e nas necesidades do País e non en beneficiar a Monbus. “O transporte é un servizo esencial e por iso temos que reclamar que funcione correctamente”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. No acto interviñeron tamén Alberte G. Nicolás, do BNG de Miño, Paulo Ríos, deputado do BNG no Parlamento e Xesús Pastoriza da CIG transportes.
O deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Paulo Ríos denunciou que a empresa Monbus acapara todos os servizos de transporte que a Xunta concesiona en Ferrol, As Mariñas e A Coruña e por iso Ríos, responsábel de mobilidade dentro do grupo parlamentario, asegurou que a Xunta “adxudicou á devandita empresa as liñas regulares de transporte de viaxeiros, transporte escolar, e transporte adaptado para persoas usuarias dos centros de día do Consorcio Galego, o que delata unha política claramente dirixida a favorecer á empresa Monbus”.
Pola súa parte Xesús Pastoriza, da CIG transporte, asegurou que “en todos os casos existe un común denominador: a precarización do servizo e das condicións de traballo do persoal, incumprindo tanto a normativa laboral aplicable como os propios pregos da concesión, incumprimentos reiterados e coñecidos que delatan a necesaria complicidade da Xunta”.
A deputada do BNG Mercedes Queixas fixo fincapé na “reivindicación do transporte colectivo como un servizo público básico, que debe atender ás diferentes necesidades e realidades tanto sociais como territoriais” e pregúntanse pola “conivencia do PP na Xunta e do PSOE no Estado para que non exista un tren a altura do século XXI", cun servizo de cercanías que permita a mobilidade cos concellos da comarca e as cidades da Coruña e Ferrol”.
Desde o BNG lembraron que teñen presentadas varias iniciativas no Parlamento para solicitar que se repoñan as frecuencias suprimidas na liña A Coruña-Ferrol desde o pasado mes de febreiro e que está provocando múltiples problemas ás persoas usuarias do servizo.