O BNG traslada ao Parlamento a nova redución de frecuencias de autobús nas Mariñas, derivada dos cambios na liña A Coruña – Ferrol
Instou á Xunta de Galiza a atender as demandas das persoas afectadas pola redución de frecuencias e horarios das liñas de autobús e a ofrecer a información correcta a través da páxina bus.gal e nas paradas dos buses dos horarios, frecuencias e paradas destes servizos
Betanzos, 13 de xaneiro de 2022.- O BNG traslada ao Parlamento a nova redución de frecuencias na conexión de autobús nas Mariñas, derivada dos cambios na liña A Coruña – Ferrol. “Despois do anuncio do pasado 3 de xaneiro realizado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade onde a bombo e plato se anunciaba un reforzo das conexións por autobuses entre a Coruña e Ferrol activando, segundo a propia consellería, 55 novos servizo directos máis á semana, o resultado é que co comezo do ano e unha vez en funcionamento o devandito reforzo, o caos foi total”, explicou o deputado do BNG, Paulo Rios.
“Co comezo de ano suprimíronse frecuencias na liña A Coruña – Ferrol, que afectan á veciñanza de Betanzos ou Miño, onde eliminaron o bus que saía de Ferrol ás 15:09h deixando só unha frecuencia pola tarde ás 19:30 h. Esta redución de frecuencias foi acompañada ademais a primeiros de ano por unha suba do prezo, nun servizo que funciona como vimos denunciando no último ano dunha forma totalmente deficiente, xa que esta supresións de frecuencias vense sumar ás deficiencias que xa sufría este servizo”, engadiu o deputado nacionalista.
“A todo isto temos que engadir as múltiples queixas sobre a deficiente información que desde a Xunta se facilita. A páxina web de referencia para a información sobre o servizo de autobús en Galiza, bus.gal, recolle unha información de horarios e frecuencias non se corresponde coa información que hai nas propias paradas de autobús, nos casos nos que hai información dalgún tipo e todo isto provoca confusión nas persoas usuarias do servizo”, indicou Paulo Rios.
O deputado do BNG afirmou que todas estas deficiencias se viron empeoradas de novo coa redución de servizos neste principio de ano, e coa redución tamén de servizos ferroviarios derivando nunha situación caótica que dificulta moito o uso do transporte público, un servizo que ademais usan maioritariamente colectivos máis febles, mulleres ou persoas migrantes, ademais de mocidade e estudantado dos diferentes niveis do ensino non obrigatorio.
O BNG instou á Xunta de Galiza a atender as demandas das persoas afectadas pola redución de frecuencias e horarios das liñas de autobús e a ofrecer a información correcta a través da páxina bus.gal e nas paradas dos buses dos horarios, frecuencias e paradas destes servizos.