O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para 2022 para os concellos das Mariñas
Ademais das demandas de reserva de crédito para o Pasatempo ou o Casco Histórico de Betanzos, desde o BNG piden que se cree un parque arqueolóxico no Monte do Gato ou que se cree un centro de transformación agropecuario no edificio do antigo LIGAL en Bergondo
Betanzos, 17 de decembro de 2021.- O BNG presentou as súas emendas aos orzamentos da Xunta para 2022 para os concellos das Mariñas, nas que inclúen unha petición de 2 millóns de euros para a rehabilitación do Parque histórico do Pasatempo. “O plan reitor está en redacción, despois de que insistiramos desde o BNG na necesidade de actuar no Pasatempo, mais no orzamento para 2022 a Xunta non reserva crédito para a posta en valor deste ben patrimonial. No BNG pedímoslle que cumpra a súa palabra cos veciños e veciñas de Betanzos”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. “O Pasatempo precisa dunha intervención urxente e a escusa de que a propia Xunta aínda está redactando un plan reitor non nos parece de recibo, primeiro foi que estaban pendentes da declaración BIC e agora do plan rétor, a realidade é que o PP non ten interese ningún na rehabilitación do Pasatempo”, engadiu a nacionalista.
O BNG pediu tamén que se reserve crédito para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico de Betanzos. “O patrimonio é a oportunidade de futuro de Betanzos e polo tanto o goberno da Xunta ten que facer un esforzo por colaborar en poñelo en valor e mantelo en condicións”, explicou Queixas. “Na actualidade o IGVS e propietario de 17 vivendas no Casco histórico, e está pendente de resolver o concurso para facerse coa propiedade doutras 3. Desde o ano 2011 a Xunta rehabilitou 8 destas vivendas propiedade do IGVS como consecuencia máis da metade das vivendas adquiridas pola Xunta están en situación de abandono”, engadiu.
Creación do parque arqueolóxico do monte do gato
Desde o BNG pediron que se reserve unha partida nos orzamentos do 2022 para a creación, limpeza e posta en valor do parque arqueolóxico do monte do gato, que inclúa a necrópole megalítica e o conxunto suevo da torre de Teodomiro, entre os concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Coirós. “Trátase dun patrimonio ameazado polos proxectos de parques eólicos e pola eucaliptización que merece que o goberno galego actúe con contundencia para defender”, explicou Queixas.
Rehabilitación e posta en funcionamento de centro de transformación agropecuaria e viveiro de empresas no antigo edificio do LIGAL en Bos (Bergondo)
Os nacionalistas pediron tamén que se inclúa nos orzamentos un investimento para rehabilitación do edificio do antigo LIGAL en Bos en Bergondo para convertelo nun centro de transformación agropecuaria “para os pequenos produtores da nosa comarca”, indicou a deputada do BNG.
Saneamento da Ría de Betanzos
Dende o BNG reclamaron de novo investimento para rematar o saneamento na Ría de Betanzos e garantir a calidade da auga na mesma. “Como levamos anos reclamando é necesario aumentar o investimento en rematar o saneamento e depuración das augas que verten na Ría, xa que aínda temos concellos enteiros como Paderne que carecen de depuración. A pesar de que a Xunta recoñece nos seus informes a baixa calidade da auga e a situación preocupante en que se atopa a Ría non reserva un só euro para investir en poñerlle solución”, explicou a deputada do BNG.
Centro de día e xeriátrico público
Desde o BNG esixiron que se cree na comarca das Mariñas un centro de día público no edificio do antigo ambulatorio en Betanzos e un xeriátrico tal e como se comprometerá no proxecto da fusión de concellos, no antigo sanatorio en Cesuras. “Esta semana publicitouse a licitación da rehabilitación do antigo sanatorio, mais para un centro turístico, renunciando así a dotar a comarca das Mariñas dun xeriátrico público nunha comarca onde non existe unha soa praza deste servizo”, concluíu Queixas.
O PP votou en contra de todas as propostas do BNG no debate en comisión dos orzamentos.