Lamentamos que o PP non aceptara ningunha das súas alegacións ao orzamento

BNG, Coirós
11-novembro-2018

Resalta o BNG a escaseza de recursos adicados a investimento, un 7,28% do total dos orzamentos, limitándose á cantidade vinculada aos Plans de Obras e Servizos da Deputación da Coruña

Lamentamos que o PP non aceptara ningunha das súas alegacións ao orzamento

Coirós, 19 de Decembro de 2019. O BNG criticou que o goberno local non atendera ningunha das súas propostas para o orzamento de 2020. “No pleno extraordinario urxente do día 18 defendemos as alegacións presentadas para subsanar algunhas deficiencias do documento orixinal e melloralo polo ben das veciñas e veciños de Coirós”, explicou a portavoz do BNG, Pura Ferreño. “Entre elas, a demanda de redactar un plan de subvencións para establecer un proceso de concorrencia competitiva e, deste xeito, facer unha xestión realmente transparente das transferencias a entidades”, engadiu.

“Mención especial merecen os 6.000 euros que o alcalde reserva como libre designación. Deben ser suprimidos e crear con eles unha partida para adherir Coirós ao transporte metropolitano e para elaborar un estudo sobre a posibilidade de implementar un servizo de transporte público entre as diferentes parroquias do municipio”, indicou Ferreño.

Seguindo na liña de utilizar os fondos públicos con criterios sociais, Pura Ferreño explica que “para garantir que son útiles para aquelas persoas que máis o precisan, tamén se deberán revisar as bases de execución para que as axudas por nacemento e/ou adopción se repartan en función do nivel de renda e por tramos de ingresos”.

Resalta o BNG a escaseza de recursos adicados a investimento, un 7,28% do total dos orzamentos, limitándose á cantidade vinculada aos Plans de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. Dentro da grande partida de gasto corrente chama a atención a conta de “outros gastos diversos” e gastos en empresas privadas. “Son 233.900 euros de difícil fiscalización” afirma Pura Ferreño.

Desde o BNG demandan eliminar gastos superfluos deste apartado para reservar crédito que permita estudar a posibilidade de desenvolver un saneamento descentralizado con balsas de filtro vexetal para lugares que aínda non teñen servizo e, no futuro, mudar o sistema actual por un máis sostíbel ecolóxico e economicamente.

Tamén insistiu a voceira nacionalista na necesidade de reservar unha partida económica para a sinalización de prazas reservadas para vehículos de persoas con mobilidade reducida nas proximidades dos distintos edificios municipais. Rematou Ferreño lembrando a necesidade de utilizar os 12.000 euros reservados para “loita contra a violencia machista. “Desde que esta partida se abriu a instancias do BNG nunca foi utilizada” indica a concelleira. “Queremos que unha parte se pase ao capítulo de gasto corrente para levar a cabo campañas de concienciación contra os comportamentos machistas, a violencia contra as mulleres e a prol da igualdade real”. Ningunha destas propostas foi atendida polo goberno municipal do Partido Popular.

Lamentamos que o PP non aceptara ningunha das súas alegacións ao orzamento