O BNG de Coirós demanda a creación dun centro de día público para persoas maiores e dependentes
Pura Ferreño: “Apostar por un centro de día público é apostar por un Coirós máis xusto, máis humano e con futuro”
Coirós, 27 de xaneiro de 2026. O Bloque Nacionalista Galego de Coirós vén de presentar unha moción para impulsar a creación dun centro de día público para persoas maiores e dependentes, co obxectivo de dar resposta ao acusado envellecemento da poboación e apoiar ás familias coidadoras do municipio.
Segundo datos oficiais do Instituto Galego de Estatística, Coirós conta con preto de 2.000 habitantes, dos cales máis dun terzo ten 65 ou máis anos, e máis da metade deste grupo supera os 75. Para o BNG, esta realidade demográfica evidencia a necesidade urxente de reforzar os servizos públicos de proximidade e garantir unha atención digna ás persoas maiores no propio concello.
A portavoz nacionalista, Pura Ferreño, advirte de que “Coirós non pode seguir mirando para outro lado mentres moitas persoas maiores teñen que desprazarse a outros concellos ou permanecer nos seus fogares sen os apoios necesarios”. Neste sentido, lembra que “un centro de día non é un luxo, senón un servizo básico para favorecer a autonomía persoal, combater a soidade non desexada e aliviar a carga que soportan moitas familias, especialmente as mulleres coidadoras”.
A portavoz nacionalista lembra que “a competencia para a creación e xestión dun centro de día corresponde á Xunta de Galiza”, mais subliña que “isto non exime ao Concello de impulsar a iniciativa, reclamar os recursos necesarios e liderar unha demanda xusta”. “Os programas actuais son necesarios e ben valorados pola veciñanza, mais falta unha peza clave: un recurso sociosanitario de proximidade que permita conciliar a vida laboral e familiar e previr situacións de dependencia máis graves”, sinala Ferreño.
A iniciativa das nacionalistas propón iniciar de inmediato os estudos técnicos necesarios para definir o proxecto do centro de día, analizar a demanda potencial, estudar posíbeis localizacións e estimar os custes tanto de investimento como de funcionamento. Ademais, instan ao Concello a solicitar a colaboración institucional e financeira da Xunta de Galiza e a explorar outras vías de financiamento a nivel provincial, estatal ou europeo.
Para a portavoz do BNG, “é fundamental que todas as administracións se impliquen, pero tamén que a veciñanza teña voz”. Por iso, a iniciativa recolle a apertura dun proceso participativo no que se conte coa opinión das asociacións de persoas maiores, entidades sociais e profesionais do ámbito sociosanitario, co fin de definir un modelo de centro adaptado ás necesidades reais de Coirós.