O BNG atopouse coa negativa do goberno municipal para a creación dun regulamento para fomentar a participación cidadá e a transparencia no concello de Coirós
Coirós, 16 de Xullo de 2025. O BNG de Coirós promove a elaboración dun regulamento de participación cidadá que fomente a transparencia na xestión municipal e a intervención das veciñas e veciños nos asuntos que lles afectan.
A portavoz nacionalista, Pura Ferreño, comezaba argumentando que “a democracia é moito máis que acudir a votar cada catro anos. A democracia debe ser contar coa participación da veciñanza e dos colectivos sociais para definir que modelo de concello queremos construír e como facelo. A cidadanía ten que ser protagonista dunha participación directa na toma de decisións”.
Para as nacionalistas, o ámbito municipal, por ser o máis próximo, ese principio tórnase unha necesidade imperativa que ademais nos últimos anos se ten constituído nunha demanda social. Consideran que enfrontar as cada vez máis complexas necesidades e problemas sociais, esixe respostas que vaian máis aló de cuestións técnicas ou da imposición unilateral por parte das administracións.
Nesta liña, a nacionalista lembraba que “a participación cidadá cobra especial relevancia, concibida como calquera tipo de práctica social a través da que a veciñanza ten a posibilidade material de incidir sobre a política ou sobre calquera dimensión do colectivo”.
E incidiu que “este modelo ten evidentes beneficios. O principal é a mellora da calidade democrática e das propias políticas públicas. Mais tamén debemos contemplar que axuda a xerar confianza nas institucións, a orientar as actuacións cara as políticas que atendan as necesidades da cidadanía, promove a creación de tecido social e a implicación das veciñas e veciños nos asuntos do seu entorno con coñecemento e capacidade de análise crítico”.
Pese a que Coirós non é alleo a esta realidade, a proposta non puido saír adiante pola oposición do PP que, ao contar con maioría absoluta no pleno, fixo decaer esta proposta. “Son numerosas as demandas formuladas por persoas particulares e tamén a nivel colectivo pola necesidade de dotarnos de mecanismos que favorezan a participación cidadá no noso concello para as veciñas e veciños poidan ser escoitadas e atendidas e a que a súa opinión sexa efectivamente tida en conta no proceso de toma de decisións. Mais parece que un PP absolutista non ve con bos ollos medidas que amplíen e melloren a participación da veciñanza”, lamentaba Ferreño.
“A pesar da negativa do goberno local, o BNG continuará a promover a elaboración dun Regulamento Municipal de Participación cidadá e tamén a reforma do Regulamento Orgánico do Pleno para facilitar a promoción de iniciativas populares e a intervención de asociacións e colectivos nas sesións plenarias”, concluíu a nacionalista.