O BNG de Coirós esixe a redacción dun plan anual de limpeza e prevención de incendios no concello de Coirós
Pura Ferreño: “Para mellorar a eficiencia, programaranse os traballos en función das distancias a vivendas e núcleos, de xeito que a limpeza sexa máis intensa nos lugares habitados repetindo as veces necesarias para garantir o bo estado das vías e a seguridade das persoas”
Coirós, 8 de Xullo de 2025. O BNG de Coirós demanda actuacións urxentes para solucionar o desleixo actual e a redacción dun plan anual para manter limpos os núcleos rurais e as vías de comunicación.
Pura Ferreño, voceira do BNG en Coirós, propón o deseño dun plan anual de limpeza e prevención de incendios dotado dos medios humanos, técnicos e económicos necesarios.
“A xestión da limpeza viaria municipal e dos núcleos rurais é competencia dos concellos e deben ser estes quen se responsabilicen do seu mantemento”, afirma a voceira nacionalista.
Detalla a concelleira que “ante a situación actual, á que se chegou por non ter o goberno do PP un plan de traballo acorde coas necesidades do noso concello, cómpre acometer de xeito urxente e con medidas extraordinarias unha limpeza en todos os núcleos e vías principais”.
Afirma Ferreño que “é un erro pensar que limpar os camiños unha vez ao ano antes das festas patronais en cada parroquia soluciona o problema. É tamén un erro pensar unicamente no verán como época de risco de incendios. Os últimos anos puidemos ver que o perigo se pode estender aos meses de setembro e incluso outubro”
Por todo isto, desde o BNG de Coirós propoñen deseñar de xeito inmediato un plan anual de limpeza de camiños e núcleos rurais e dotalo dos medios técnicos, humanos e económicos necesarios.
“Para mellorar a eficiencia, programaranse os traballos en función das distancias a vivendas e núcleos, de xeito que a limpeza sexa máis intensa nos lugares habitados repetindo as veces necesarias para garantir o bo estado das vías e a seguridade das persoas. Cómpre vixiar o estado de parcelas abandonadas próximas ás vivendas e instar ás persoas propietarias a limpalas, e proceder á execución subsidiaria no caso de se desatender”, explicaba Ferreño.
Para rematar, as nacionalistas tamén reclaman deseñar un plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, con arranxo ao previsto na lei 3/2007 e na lexislación galega de montes, e integralos nos plans de urxencia municipais.