O BNG reclama ao Goberno do Estado melloras urxentes na seguranza viaria da N-VI ao seu paso polo concello de Coirós
Néstor Rego: “Non falamos só dunha cuestión de comodidade, senón de seguridade. É urxente actuar antes de que haxa que lamentar un accidente grave”
Coirós, 2 de febreiro de 2026. O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, anuncia o rexistro de iniciativas para demandar ao Goberno do Estado actuacións que melloren a seguranza viaria na estrada N-VI ao seu paso polo concello de Coirós.
Durante a súa visita ao municipio, Rego reuniuse con representantes locais do BNG encabezados pola portavoz municipal do BNG en Coirós, Pura Ferreño e con veciños e veciñas da zona para abordar a situación da N-VI ao seu paso polo centro de Coirós, onde está o concello o edificio de usos múltiples, a marquesina do autobus e outros servizos municipais.
“Trátase dunha zona con moítísmo tráfico pola saída da autovía A6, onde non hai pasos de peóns nin ningunha medida para asegurar que se reduce a velocidade a pesar de ser onde se localizan moitos dos servizos municipais e ter, polo tanto, unha evidente concentración de peóns”, indicou a portavoz do BNG de Coirós, Pura Ferreño.
“Non falamos só dunha cuestión de comodidade, senón de seguridade. É urxente actuar antes de que haxa que lamentar un accidente grave”, advirte Rego, quen lembrou as múltiples inciativas do BNG para garantir a seguridade viaria na N-VI e concretamente no caso de Coirós nun dos puntos negros máis perigosos da comarca como é o cruce de Queirís.
“Non imos permitir que o goberno siga sen cumprir as necesidades de mellora da seguridade nesta estrada e especialmente no concello de Coirós”, concluíu o deputado do BNG.