O BNG de Coirós demanda medidas para reducir as perdas de auga na rede de abastecemento municipal
As nacionalistas propoñen traballar na liña da prevención a través dunha campaña de concienciación para promover a revisión e o mantemento das instalacións interiores por parte das abonadas co fin de evitar fugas
Pura Ferreño: "Aínda tendo en conta que o obxectivo non é que o concello asuma os custes das fugas nas instalacións privadas, si que consideramos necesario introducir un criterio de tarifas máis xusto para casos fortuítos"
Coirós, 28 de Outubro de 2025. O BNG demanda melloras na rede de abastecemento de auga de Coirós e unha revisión dos custes debidos a fugas fortuítas e singulares. A portavoz municipal do BNG de Coirós, Pura Ferreño, explica que “o dereito á auga implica tamén deberes, polo que as usuarias teñen que coidar as súas tubaxes do mesmo xeito que o concello debe mellorar a redes pública. Falamos, en definitiva, dunha responsabilidade compartida”.
Desde o BNG detallan que aínda que a normativa fai referencia a avarías ocasionadas fóra do ámbito das competencias da empresa concesionaria, na maioría dos casos estas fugas non son intencionadas ni por neglixencia manifesta da persoa abonada. Por este motivo, as nacionalistas propoñen traballar na liña da prevención a través dunha campaña de concienciación para promover a revisión e o mantemento das instalacións interiores por parte das abonadas co fin de evitar que esas fugas ocorran.
Para Ferreño, “estes problemas aparecen maiormente cando non se atopa ninguén nos domicilios impedindo unha actuación rápida que evitaría a perda masiva de auga. Por isto, e aínda tendo en conta que o obxectivo non é que o concello asuma os custes das fugas nas instalacións privadas, si que consideramos necesario introducir un criterio de tarifas máis xusto para casos fortuítos”.
Insiste a voceira do BNG en que “esta redución aplicaríase unha soa vez por incidencia e previa acreditación da reparación, quedando excluídas destas revisións de custes as avarías sucesivas debidas a un mal mantemento das instalacións por parte das abonadas”.
Remata Ferreño falando das tubaxes públicas e declaran que “informes da empresa concesionaria e do concello recoñecen perdas próximas ao 40% na rede pública.” Confirma que, aínda que se teñen anunciado medidas para reducilas, non se ten constancia até agora de que estes traballos se estean acometendo. “Esta cuestión é un moi mal exemplo sobre como xestionar un ben público tan valioso como a auga”, insiste Pura Ferreño.
Ademais, o BNG de Coirós urxe a que a empresa concesionaria, en colaboración co concello e Augas de Galiza, acometa un plan integral para a realización de auditorías nas redes de subministro e tamén saneamento para detectar as fugas e poñerlles remedio de inmediato.