O BNG esixe un informe detallado dos consumos de auga previstos para o proxecto de Aluminios Cortizo en Coirós

Pura Ferreño: “Estamos preocupadas polo consumo de auga deste proxecto e até que punto pode condicionar o subministro de auga á veciñanza de Coirós. Por iso, pensamos que o concello debe realizar os estudos necesarios e instar á empresa promotora a buscar unha captación alternativa de auga, en caso de que sexa preciso”
Coirós, 16 de abril de 2025. O BNG esixe un informe detallado dos consumos de auga previstos para o proxecto de Aluminios Cortizo en Coirós. “Xa que o goberno local non nos facilitou acceso á información sobre este expediente remitímonos a estudos que son públicos, o Plan de Seca elaborado no ano 2020, fálase dunha dotación de 474,24 m3/día dos cales 195,77 corresponden a usos domésticos”, explicou a voceira do BNG, Pura Ferreño.
A empresa “Aluminios Cortizo” indica no documento de Avaliación Ambiental que o consumo de auga sería de 68.454 m3, o que ven a ser 187,5 m3/día, o que supón o 39,5% da dotación diaria recoñecida no ano 2020, consumo que entendemos que será maior debido as perdas no subministro recoñecidas polo Concello no propio Plan da Seca.
“Debido ao aumento da poboación e dos usos da auga podemos asegurar que esta dotación deberá ser máis elevada hoxe en día. Cómpre engadir que o consumo, e por tanto a dotación, non son lineais ao longo do ano senón que experimentan un pico importante no terceiro trimestre. Este pico no consumo coincide tamén có período de menos caudal do río onde se realiza a captación”, engadiu a portavoz do BNG.
Desde o BNG piden tamén que, en base aos datos do informe que solicitan, se elabore un plan de subministro detallado mes a mes e se comproben os datos históricos de caudal do río e capacidade de almacenamento na zona de captación nos momentos máis críticos, así coma os caudais ecolóxicos que se deben garantir.
“Estamos preocupadas polo consumo de auga deste proxecto e até que punto pode condicionar o subministro de auga á veciñanza de Coirós. Por iso, pensamos que o Concello debe instar á empresa promotora a buscar unha captación alternativa de auga de xeito que non se poña en risco o subministro xa comprometido e os caudais ecolóxicos”, informou Pura Ferreño.
Reducir as perdas de auga da rede de subministro municipal
No Plan de Seca do ano 2020 poñíanse tamén en evidencia perdas ou fugas de auga na rede de subministro municipal, concretamente identifícanse unhas perdas nas canalizacións de subministro de auga dun 39%. Isto supón 62.027 m3 (62 millóns de litros de auga) no período 2019/2020.
“Xa no ano 2023 desde o BNG despois de comprobar o estado do caudal do río Vexo, onde se fai a captación de auga para o noso concello, presentamos unha iniciativa no Pleno para estudar outras alternativas de abastecemento. Lamentabelmente esta proposta foi rexeitada polo goberno municipal”, explicou a voceira nacionalista, Pura Ferreño.
“Por iso, desde o BNG insistimos un plan para acometer as melloras na rede que permitan reducir as perdas e que se nos informe de que prazos teñen marcados para estas melloras, así como a dotación económica prevista”, indicou a voceira nacionalista. “Insistimos tamén en que se avalíen os datos sobre a capacidade de abastecemento da actual captación no río e se estuden alternativas de abastecemento para o subministro municipal”, concluíu.